Opinión

O fallo do concurso eólico

A memoria colectiva é moi fráxil, e sabedores desta debilidade humana, como as novas diarias que nos atinxen son tantas, o esquecemento de moitas falcatruadas que os gobernantes nos fan está asegurado, dado que non ten castigo electoral. E como o que importa é chegar o poder, todo está xustificado nas campañas electorais.

No ano 2009 a campaña electoral dos populares, estando á cabeza o Sr. Feijoo, estivo baseada, entre outras cousas, no inexistente conflito lingüístico, nas fotos do vicepresidente Quintana nunha embarcación, no valor dunhas cadeiras e na suposta ilegalidade do concurso eólico.

Pasados os anos a xustiza, e concretamente o Tribunal Superior de Galicia, falou claro e dixo que o concurso eólico do bipartito era legal. Pero os feitos son que aquil concurso foi derrubado para satisfacer non se sabe ben a quen. Agora tócanos a todos os galegos pagar os importantes custes económicos da chapuza que fixo o goberno de Feijoo. Si, haberá que resarcir as esixencias económicas das empresas que foron arredadas e perxudicadas.

Pero esta nova pasou case desapercibida para a grande maioría dos galegos, e posiblemente non terá repercusión no tocante a un castigo electoral para os que cometeron a tropelía baseada na mentira contra o bipartito de Touriño e Quintana.

En fin, isto lévanos a pensar na cantidade de mentiras e maledicencias que se lanzan nas campañas electorais. Así topamos persoas que por buscar réditos electorais e tendo un medio de difusión lanzan ó vento acusacións graves que nunca son validadas ou demostradas. O importante é crear un ambiente de calumnias permanente. “En esta casa (referíndose o concello, decía unha televisión local), le están robando”. Mentira tras mentira, difamación tras difamación, pois os que dirixen esta campañas son sabedores das debilidades e do esquecemento dos electores.

Son coñecedores da lentitude da xustiza, e da fraxilidade da mente humana. No 2009, Feijoo apoiado por determinado medio, ben untado economicamente, orquestou unha campaña chea de falsidades e medias verdades, e acadou o poder. Ise era o obxectivo, o demais un conto. E agora quen se lembra da mentira do conflito lingüístico?, quen se lembra do yate, das cadeiras e outras trolas que se verteron? Ninguén. Pero agora hai que pagar a escote os custes dunha mala, moi mala decisión que impediu diversificar e repartir entre moitas empresas galegas a produción de enerxía eólica. Por iso, canto temos que aprender como cidadáns, canto.

Te puede interesar