Opinión

LUME

Cada un pode ter a súa teoría de porque a Xunta decidiu restrinxir a información encol do número de lumes e de cada un dos incendios que se están producindo. O Governo de Feijóo argumenta que así desalenta aos pirómanos, porén tamén hai quen pensa que o motivo real é rebaixar as criticas en período estival, xa que evitar os lumes non é algo doado sen grandes investimentos se temos en consideración a mudanza climática e o abandono das terras agrícolas. O certo é que esta teoría non é a máis axeitada, máxime cando este ano o clima é favorábel aos incendios, vexase o caso estremo de Rusia ou o que está acontecendo no norte de Portugal. Ademais as medidas preventivas por parte do Governo galego (din moitas comunidades de montes e concellos) non estiveron a altura das necesidades, sendo polo xeral inferiores as do período do bipartito.


A morte de dous bombeiros en Fornelos de Montes reflectiu co maior dramatismo que nestes temas, como en tantos outros, no se pode xogar a ruleta rusa, que o fundamental sempre é a prevención, por máis importantes que sexan os custes e aínda que ao final se teña a sensación de que se perdeu o diñeiro investido. Neste intre histórico os cartos adicados á problemática ecolóxica, a evitar desastres, a prever e concienciar á xente, son os piares sobre os que se asenta o noso futuro, non entendelo amosa non estar á altura do momento. Agora o que se negou ou limitou, seica pra evitar males maiores, convertese en complicidade, nun erro inaceptábel, nunha dura aprendizaxe.


Por outra banda pensar que non dar información sobre os incendios desalenta aos pirómanos non deixa de ser unha incredulidade así como un argumento baleiro de sentido. Os incendiarios, por razóns persoais ou motivos económicos, non deixaran de facelo por aparecer nos medios de información como noticia, xa que os seus son obxectivos doutro tipo, pouco propagandísticos. Os que teñen como finalidade ser obxecto de publicidade son unha pequena minoría de persoas trastornadas, sen dúbida perigosas. Daquela, non dar unha información continua e migalleira encol dos lumes pode ter o inconvinte de dar pulo á critica da oposición, porén tamén dá unha información vital aos cidadáns pra prever situacións de alto risco, e evitar a extensión dos incendios.


Outro dos aspectos, que a medida que pasa o tempo e se agrava o problema dos lumes pasou de ser un rumor a se converter nun berro, é todo o referente ao coidado e prevención dos bosques. Son moitas as asociacións de montes que pediron medios e aínda non se lles contestou desde a Xunta ou se lle negaron, e estamos no mes de agosto, cando a participación dos entes locais é fundamental pra prever os incendios ¿quen millor que elas coñece o lugar?... Non quero pensar que a actitude da Xunta depende de cal sexa o partido que ten forza en cada concello e parroquia, senón que se trata dunha mala organización ou de que, por mor da crise, existe un criterio errado de onde se debe aforrar.


Se existira máis relación cos veciños, unha maior profesionalidade das equipas contraincendios se cadra se houberan evitado estas mortes. Non deixa de ser unha especulación, mesmo atrevida. Mais, pensemos que foron como consecuencia dun lume que encetou ás 10 da noite, nunha zona que os veciños de Fornelos coñecen pola súa perigosidade, xa que o vento envolve a calquera que se atope no fondo do val. Un lugar onde non é a primeira vez que se produce un incendio, xa que ate hai ben pouco alí existía un deposito de lixo. Pra alén da magoa polas mortes, da traxedia que significan, o máis importante agora é procurar respostas ao sucedido e evitar que se repitan. Polo tanto compre esixir responsabilidades, conseguir que a Xunta teña unha política contra os lumes máis nidia, preventiva e profesional, e se adiquen os medios necesarios.

Te puede interesar