Opinión

LUME!

Estamos a sofrir unha enxurrada de lumes en toda a parte sur do país, que deixan detrás milleiros de hectáreas queimadas, e que levará anos recuperar. É unha doenza que semella non ter cura, nen existir medios pra minguar os seus efectos, xa que só se axe unha vez que se produce o mal. Mais, noutros territorios con tanta masa forestal como o noso, os efectos do lume non son tan desvastadores. Daquela, algo falla, hai que recoñecelo e poñerlle solucións. Non se pode deixar todo en maus do clima; e moito menos aceptar o desleixo.


Calquera pode albiscar que se suman varias eivas e atrancos. A primeira, os incendios intencionados, nos que a persecucion non é eficaz nalgún nivel. Porén, non se pode agochar que estas accións criminais son favorecidas pola desfeita do agro, e a redución da utilización de grandes áreas de terreo que ficaron en poula, ateigadas de mato, e que antes se empregaban con distintos fins. A repovoación do monte fíxose con especies foráneas, de rápido crecemento coa finalidade de obter lucros inmediatos, sen unha planificación que tivese en consideración impedir a extesion do lume en caso de incendio. Faltou un proxecto de país, no que a explotación do monte formase parte dun plan de desenvolvemento xeral, cunha reorganización do territorio pensada en función dos obxectivos sociais, económicos e culturais (por exemplo, conbinando, como se fai nalgúns lugares, a explotación conxunta de monte, gandaría, turismo, etc.). Axemos a remolque de proxectos pensados pra outras realidades xeográficas, culturais e económicas.


Agora ben, ademais destes aspectos estruturais, que leva o seu tempo reconducir ou executar, hai cuestións de pronta execución que están na mau da Xunta de Galiza e que todo indica non se puxeron en práctica ou non se fixeron ben. Hai dúas semáns as centrais sindicais denunciaban nun comunicado conxunto, ao fío dos grandes incendios na provincia de Ourense, a falta de medios pra prevencion e extinción dos lumes (daquela aínda non se alargaran ás provincias de Pontevedra e Coruña).


Entre outras cousas dicían no comunicado: 'hai casos de brigadas, que terían que ter sete compoñentes (para que as quendas conten sempre con cinco compoñentes) que teñen tres ou catro operarios, polo que a maioría dos días traballan unha ou dúas persoas'. Rexeitan que a contratación do reforzo do vrau se faga a través dos Concellos ou de calquera empresa privada (chiringuito). Defenden a contratación a través das listas do Decreto da Xunta, onde se valora a igualdade, o mérito e a capacidade, así como a creación dun mando único como o instrumento máis eficaz e eficiente de loita contra os incendios forestais. Indican que: 'As brigadas dos concellos teñen que desbrozar cinco hectáreas na campaña', polo que co índice de risco de incendios (IRDI) en valores altos ou extremos resulta unha temeridade polo risco de producir un incendio (como aconteceu o 8 de agosto en Xunqueira de Ambía). O tempo que tardan en reaxer as brigadas nestes casos é moitísimo maior, xa que, se están desbrozando, teñen que deixar as desbrozadoras e cambiar o equipo de protección individual (EPI). Engaden: 'defendemos a prevención, porén débese realizar en época de baixo risco'.


Resulta evidente que falta prevención ou os medios necesarios pra combater os lumes, ou ambas as cousas, porque aínda que hai menos focos, o lume abrangue superficies maiores que noutros anos. Ademais, os grandes incendios déronse en zonas despovoadas máis tamén noutras cunha gran densidade de habitantes. Sendo así, as propostas das centrais sindicais teñen lóxica, son construtivas e están dadas por profesionais. Entón ¿por que non se teñen en consideración?... Non pode ser só unha cuestión de cartos, porque o custe da recuperación das áreas afectadas polo lume é moi superior.

Te puede interesar