Opinión

Laicismo. E tres fotos

Laicismo. No recente congreso federal do PSOE anunciáronse unha serie de medidas laicistas que logo quedaron en nada. Os alcaldes de Santiago e Lugo, socialistas os dous, opuxéronse ás mesmas, por exemplo. Aínda máis, supoño que para xustificarse, Sánchez Bugallo, o alcalde compostelán, declaraba nunha entrevista que el non percibía que a sociedade demandase máis laicismo. Pois depende onde se mire. Como todo. Nestes días as Xuventudes Socialistas de Galicia sacaron un comunicado reclamando que non se participase, dende instancias políticas, en cerimonias relixiosas. O concello vigués, da man do concelleiro de cultura (nacionalista), o ourensán Xesús López Carrera (fillo de Anselmo L. Morais), ven de desvincularse tamén da procesión oficial do Cristo da Victoria. E hai moitos datos estatísticos (matrimonios relixiosos e civís, etc.) que indican que un sector cada vez máis numeroso da sociedade non quere que a vida política siga subordinada ás mitras episcopais. Dende logo un partido progresista como o PSOE debería atender estas demandas e non outras máis inconfesables. Unha sociedade plenamente democrática casa moi mal con rituais que fan depender dun Apóstolo ou dun santiño calquera a solución do paro, do terrorismo ou do cambio climático.


Dúas fotos. Dúas fotos foron noticia estes días. Polo seu valor expresivo, a foto do monarca collendo a Adolfo Suárez polos ombros está cargada de significado: en calquera persoa minimamente sensible, esperta un sentimento de empatía co líder político da Transición castigado pola enfermidade. A outra foto para a historia foi a da recuperación do pazo de Baión. En tempos vimos os colectivos antidroga loitando contra as mafias do narcotráfico ó pé da porta dese pazo: a escena recreouse con xeito na película ‘Heroína’, de Gerardo Herrero. Agora vemos a Carme Aven daño, en nome dos que loitaron con tanto esforzo e intelixencia, atravesar fachendosa esa porta como símbolo da vitoria da sociedade civil contra Oubiñas e similares. Ó seu carón, o presidente da Xunta e o ministro de sanidade, Bernat Soria, e outras autoridades: se eu fose responsable de protocolo pediríalles que se quedasen tres ou catro pasos por detrás nese momento. O impacto da foto sería aínda maior no recoñecemento dunha xusta causa.


Karadzic. A outra foto da semana pode ser a da detención do criminal de guerra e exlíder dos serbios de Bosnia, Radovan Karadzic. Algúns autores matinan niso tan clásico de que a cara é o espello da alma: dende logo a fisionomía do carniceiro de Saraxevo hai anos, con vestimenta militar, non inspiraba para nada confianza.


Pero un sinxelo disfrace con longas barbas brancas e lentes xa o converteron nun xeito de místico e curandeiro case bonachón. A Xustiza chega con 13 anos de retraso, pero chegará e Karadzic será xulgado polo Tribunal Penal Internacional da ex-Iugoslavia: as vítimas non merecen menos. En fin, tamén hai aquel dito de non fiarse nunca das aparencias.



Te puede interesar