Opinión

GAFE

A Real Academia Galega da Lingua define 'gafe' como persoa considerada portadora de mala sorte. Vocábulo de significación infausta, por máis que moitos, de maneira irresponsable, o veñamos empregando como se fose algo gracioso. Sen pararnos a pensar que ser gafe, máis que divertido, pode chegar a converterse nunha verdadeira traxedia. O sentimento de culpa que consume ás persoas que padecen este mal pode facerlles a vida insoportable. Máxime, se outras persoas descobren esa súa 'facultade' de dar ao traste con todo.


Foron conclusións ás que cheguei logo da conversa mantida cun antigo compañeiro aqueixado deste mal. Unha mal que viña asomando dende tempo atrás e que se lle manifestou en toda a súa crueza nos pasados campionatos mundiais tanto de fútbol como de baloncesto. Polo que me comentou, el, que nunca practicou ningún deporte, é un consumado seguidor de todo tipo de deportes a través da televisión. Sexan carreiras de bicicletas, coches ou motos, partidos de tenis, fútbol ou baloncesto, torneos de atletismo. E foi unha tarde, despois dun ano de dúbidas, cando chegou ao convencemento de que cada vez que presenciaba por televisión a actuación dun deportista ou equipo que gozaban das súas simpatías, tal deportista ou tal equipo sempre resultaban perdedores. Pola contra, se por calquera razón non lle era posible presenciar a actuación dos seus favoritos, as máis das veces resultaban gañadores. Era algo que viña ocorrendo con Alonso, Nadal, Lorenzo, Contador... Pero onde, segundo el, esta súa enfermidade se puxo de manifesto de maneira máis clara foi nos recentes campionatos mundiais de fútbol e baloncesto. 'O único partido que presenciei do noso equipo, o único, foi contra Suíza, a máis frouxa; e perdemos. Priveime do resto, e gañámolos todos. En baloncesto, só presencie tres partidos, e perdemos os tres. En resumen, mesmo parece como se o desenlace dun acontecemento deportivo, estivese ligado ao feito de ter acendido ou apagado o televisor'. Convencido, eu, de que todo aquilo estaba a ser froito do azar, e co ánimo de restarlle seriedade ao que el estaba a vivir como algo moi grave, saínlle cunha ocorrencia que non resultou nada ben: 'Eu, no teu caso, falaría con varios equipos. E o que máis pagase, pois a botarlle unha man'. Expresión de amargura na súa faciana. Logo duns segundos, 'Pensaba que, cando menos ti, entenderías o meu problema. Iso pensaba. Pero vexo que tampouco'.

Te puede interesar