Opinión

INSULTOS

Nun artigo anterior expresaba a miña admiración por aquelas persoas capaces de resumir nunhas poucas palabras pensamentos que encerran un gran saber. E, xunto a esta expresión de recoñecemento, incluía algunhas máximas e reflexións atribuídas a personaxes egrexios de distintas épocas. Unha admiración que facía extensiva ós autores anónimos que coas súas atinadas sentencias veñen enriquecendo día a día o libro inacabado da sabedoría popular.


En contraste, como chirrían esas frases con aire pretensioso e solemne coas que algúns pretenden revestir o que non son máis que simples obviedades. Ou esas nas que os suxeitos se limitan a repetir o tantas veces dito, como se fose propio. Ou esoutras nas que os tales, querendo alardear de rompedores, terminan caendo na vulgaridade máis groseira.


Logo están as frases con formato de insulto. Coa particularidade de que os seus autores, aparte do que pode haber de ofensa intencionada, buscan outros obxectivos dos que sacar renda: presumir de xenialidade, atemorizar ós seus opoñentes, facer publicidade da súa mercancía, pasar por graciosos. Vaian como exemplo do anterior dous casos que no seu día deron moito que falar.


Quén non recorda a butade da señora Rosa Díaz con aquela estraña mesturanza entre o presidente do goberno español, o modo de ser dos galegos e o emprego dun termo gramatical no seu sentido máis pexorativo. Agora ben, ¿con que intención o faría? Aparte ?como sosteñen algúns? do rédito electoral que puidese obter noutros lugares con tal ofensa, na miña o opinión, e coñecendo a traxectoria política de dona Rosa, eu máis ben me inclinaría por ese seu desmedido afán de notoriedade que inspira e condiciona todas as súas accións, un complexo que tantas veces a ten posto en ridículo, nunhas situacións nas que incluso dá pena.


Pois pasemos ao segundo caso, que non é outro que o do exabrupto puro e duro pronunciado por don Arturo Pérez Reverte, escritor de fama e académico da lengua española, 'Aquí en España todos hemos sido hijos de puta. Todos'. ¿Por que botaría man de palabras así? ¿Sería por facer a gracia? Non creo, el que é tan serio. ¿Por facerse o duro? Puidera ser, xa que sempre vai de machote. ¿Por facer exhibición de enxeño? Vaia! En todo caso, parafraseando a don Quixote, 'Habiéndolo dicho quien lo dijo (toda unha autoridade na materia), no hay sino callar y encoger los hombros' .

Te puede interesar