Mark Ritchie e a morriña das ondas

ARTE ET ALIA

Publicado: 19 oct 2026 - 05:10
Mark Ritchie presentando All in the mind “Todo está en la mente”.
Mark Ritchie presentando All in the mind “Todo está en la mente”. | La Región

Eis a oda dunha lembranza, di o autor, para referirse ao desempeño temático da mostra expositiva que ten pendurada na galería de arte Dodo Dadá, Rúa Liberdade, 32, de Ourense. Así pois, é como unha composición en estrofas de xénero lírico na que se enxalza algo ou a alguén. No caso que nos ocupa trátase do primeiro suposto, unha sensación enquistada nunha das primeiras lembranzas de Ritchie sendo neno, a da memoria do océano. Así o rememora, “entré en el mar en los brazos de mi padre, rodeado por olas y espuma”. Velaquí o seu “il était une foi...” no que basea esta mostra, que amosa dende características persoais, e a distancia dos anos fronte daquela Australia do levante sur, terra da que é natural, Sydney. Mergullárono, e dese bautismo mariño Mark foise afacendo á súa linguaxe, o ritmo das ondas, e cando medrou a súa relación preferente será co surf, deporte nacido precisamente no Pacífico para deslizarse nas augas cunha táboa, técnica e beleza.

Na parede leste.
Na parede leste. | La Región

E, á par non deixou de dialogar con ese mundo dende a cámara e as súas lentes, sendo a súa estética a de afastarse das cores para expresarse na linguaxe fotográfica do B&W, pois desfruta da gradación de tons na gama de grises, elección consciente.

Ten traballado nos campos da fotografía arquitectónica, profesión do seu pai, e tamén a documental, comercial, e de retrato.

Ten traballado nos campos da fotografía arquitectónica, profesión do seu pai, e tamén a documental, comercial, e de retrato. No seu camiñar hai ronsel expositivo dende 1992 en mostras colectivas en Sydney, Melbourne e Brisbane, ademais de Stuttgart, Alemaña, cidade na que viviu, logo de peregrinar por diversos lugares de Europa, para aveciñarse e formar familia en Ourense, coa súa parella galega... E aínda que en 1996 expón en Leipzig, dende este ano mergullase no Outono Fotográfico na cidade, magna cita anual de referencia, na que persevera os tres anos seguintes. En 2010 e 2011 da o salto ao Centro Cultural da Deputación ourensá e o Museo do Pobo Galego, Santiago, agora en combinación con debuxos de Xurxo Lorenzo. En 2014 fai para a efémera galería de Patricia Joga “Arriba e abaixo” (Up&down), arquitectura e concepto e en 2021 deixa testemuña da súa relación coa anterior Biblioteca Pública do Estado na rúa Concejo, da que era usuario.

Experimentación secuencial cuatripartita.
Experimentación secuencial cuatripartita. | La Región

Agora é a voz do mar, e ante a imposibilidade de compartir os seus sentimentos transmítenos o inefable dende o coñecemento estético coa area, unha cuncha e as formas curvas, incluso cunha bóveda de arestas. Mais como sinala Baricco en Océano mar “A marea agacha. É como se nunca houbera pasado nada. Se hai un lugar no mundo no que non poidas pensar en nada, ese lugar é este. Xa non é terra, aínda non é mar. Non é vida falsa, non e vida verdadeira. É tempo. É tempo que pasa”, que “Nada se edifica sobre la piedra, todo sobre la arena, pero nuestro deber es edificar como si la arena fuera piedra” (Borges). Así o meu conveciño, de sorriso fácil, mochila e bicicleta, falar calmo e tranquilos xestos, faime lembrar aquel verso de Gloria Fuertes “Lo primero, la bondad; lo segundo, el talento. / Y aquí termina el cuento” .

Contenido patrocinado

stats