Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Los buitres tocan fondo
En ocasións a vida antolláseme monótona e falta de interés. Afortunadamente sucédeme poucas veces e, cando me da por aí, adoito botarlle a culpa ós anos. Nese momento póñome a recordar e comprobo que nos setenta e xa moitos que levo a bordo deste pequeno lixo de pó cósmico que navega errante polo que antano nos dicían que se chamaba éter teñen sido bastante entretidos. O que non quere dicir que sempre fosen divertidos. Nin moito menos.
Estiven en Berlín hai moitos anos, recén caído o muro, cando aínda se podían mercar cantullos del e eu non comprei nin o primeiro: parecíame que aquilo sería como mercar aire do botafumeiro, envasado nunhas latas, iso dicían, que se podían mercar en Compostela por aquel tempo, ademais do certificado de que deras cabo do camiño que, segundo afirmou Goethe, vertebrou Europa e, agora que somos máis modestos, según afirma o noso conselleiro do ramo, está a vertebrar Galicia. Xa me explicarán como.
Non merquei un cachote dos do muro e iso que os había con restos de cores que, sen dúbida, pertenceran a grafites, porque son partidario da conservación da súa memoria pero non das pezas que o integraron; non vaia ser que, algún día, algúns desinformados acorden reconstruílo. Non o vexan tan imposible: cóllase un cascote calquera, déaselle forma de ladrillo, métase nunha impresora desas que hai agora e reprodúzase ata a fartura. Logo apáñense na contratación de persoal e vaian poñendo un enriba doutro a ver que pasa e ata onde chegan.
Non merquei ningún cantullo. Contenteime con mercar un sombreiro de segunda man que vai ti saber a quen pertencera. Agora non o poño moito; primeiro porque non me asenta ben (non lles é por presumir, pero eu téñolles máis cabeza do que eu supoño defunto); segundo porque o mesmo foi dun nazi e sabe deus que raios pode conter, que emanacións poden fluír unha vez en contacto coa miña caixa das memorias. Así que merquei ese sombreiro, gris e cunha cinta gris, case que o que antes se chamaba un barbuqueixo, e merquei tamén un bastón; non sei se dicir de alpinista ou dun excursionista pedestre porque ten a súa punta cónica é metálica e está galardoado, todo el, con pequenos escudos metálicos que recordan os lugares ata os que debeu chegar camiñando o que tamén supoño o seu anterior e finado propietario.
Gardo fotos daqueles días. Nelas vésenos a Juan José Millás e máis a min na compaña da esposa de Juanjo e máis dunha teutona que nos fixo de guía e de interprete, pero da que non recordo o nome. O que máis me chamou a atención foi o acto no que tiven que intervir. Convencido que cheguei de que ía “oficiar” nunha universidade, leváronme a un teatro no que a xente estaba a facer cola pra mercar a entrada. Non preguntei nada, por se acaso, e deixeime levar e entramos ata os camerinos. Metéronme nun e de alí a un pouco viñéronme buscar. O seguinte foi deixarme no escenario no medio do que había dous butacóns, cunha mesiña entre eles, e un atril a un lado. O señor do outro butacón, leu en alemán uns parágrafos do “Griffon” e logo pediume a min que os lera en galego. Iso fixen. Acto seguido el fíxome preguntas en español e eu respondíalle pra que, o do atril, as fose traducindo ó alemán.
Foi a primeira e última vez que vivín experiencia semellante. O mesmo lle sucedeu a Millás. Parece ser que a xente de alí paga por asistir a estes actos así levados a ramo. Realmente lles debe interesar porque logo fan preguntas e hai un coloquio no que o escritor e o seu crítico son interrogados pola concorrencia. Miren que lles hai xente ben rara polo mundo. Case que como eiquí.
Cando se publicou “Breixo”, unha novela miña, na Galería Sargadelos de Compostela, estaba Ramón Piñeiro, de presentador; Luis Mariño, coma o seu editor, e máis eu na miña condición de autor. E ninguén máis de xeito que saímos, cruzamos a Rúa Nova, metémonos nun bar de enfronte mesmo da Galería e baixamos uns ribeiros e unha ración de calamares. Hailles boa diferenza entre uns e outros.
Ó día seguinte fomos a Potsdam por ver de visitar os seus xardíns e mailo palacio de Sanssouci, palabra de orixe francesa, ou francesa de todo, que ven significando algo así como “sen problemas” e cuxo uso derivase de que Federico O Grande de Prusia, o amigo de Voltaire, se sentise alleo a calquera tipo deles, a calquera tipo de problema, unha vez que cruzaba os xardíns e se metía no palacio.
O que recordo do palacio é a habitación que Federico de Prusia mandou construír pró seu amigo francés. Eu vina desgornecida de móbeis, espida de todo menos da decoración das paredes todas elas dun rococó que facía arregañar os dentes. Aínda hoxe, non me dou imaxinado a Voltaire, tan brillante e luminoso, tan lúcido, escribindo nada que valese a pena, unha vez metido naquela habitación que sen dúbida ningunha debeu constituir un real agasallo.
E pensar que as máis lúcidas mentes da nosa Ilustración foron as do Padre Feijoo e máis a do Padre Sarmiento e que tan pronto coma o príncipe Maeterlink, mandou para eiquí ós cen mil fillos de... San Luis, foi borrado do mapa o resto que quedaba dos nosos ilustrados. Velaí outra ocasión na que volvemos perder o tren da Historia de xeito que chegado o 36 aínda era soxulgado aquel nobre que invertese en negocios e se empeñase en gañar diñeiro. Realmente avanzamos tanto ou é que estamos dando marcha atrás a todo presa? Non o sei. De momento á asistenza aos actos nos que interveñan escritores son de balde e non convocan a penas xente... por dicir algo e acabar dunha vez... por hoxe.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último