O “tataravó” ourensán de Emilia Pardo Bazán

TRIBUNA

Publicado: 18 oct 2026 - 03:16
Sepulcro de Pedro López Mosquera, publicada no libro “Escultura funeraria en Galicia”, de Manuel Chamoso Lamas.
Sepulcro de Pedro López Mosquera, publicada no libro “Escultura funeraria en Galicia”, de Manuel Chamoso Lamas. | La Región

Oito xeracións separan a Pedro López Mosquera Villar y Pimentel de Emilia Pardo Bazán. Porén, polas veas da escritora coruñesa aínda corría o sangue daquel fidalgo ourensán, falecido en 1632, cuxo sepulcro se conserva na igrexa de Vilar de Paio Muñiz, un pequeno núcleo do actual concello da Merca que foi berce e feudo dos Mosquera, liñaxe á que tamén pertencía a autora de “Los pazos de Ulloa”.

Aínda que o xenealoxista Dalmiro de la Válgoma xa identificou a don Pedro como sétimo avó de dona Emilia nun estudo publicado en 1952, a ascendencia ourensá da eminente escritora segue a ser descoñecida para a gran maioría. Por iso, e porque este ano se celebra o 175 aniversario do nacemento da gran novelista, pareceume acaído escribir estas liñas.

No seu mausoleo da Merca, estudado por Chamoso Lamas, o señor de Vilar de Paio Muñiz, don Pedro López Mosquera, aparece representado coma un cabaleiro xacente, con casco, armadura, espada e as mans no peito en actitude orante. Ó seu lado, un anxo rezando e, baixo os seus pés, un león. Sobre o arcosolio, un escudo nobiliario coas armas dos Villar (tres barras atravesadas) e dos Mosquera (cinco cabezas de lobo ensanguentadas).

Joaquina Mosquera casa co tenente coronel Miguel Pardo Bazán, e dese matrimonio nacerá José Pardo Bazán, pai de dona Emilia

Segundo o gran xenealoxista galego Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, a orixe do morgado habería que situala nun tal Rui Lorenzo de Villar, quen, alá polo ano 1336, tería recibido do infante don Felipe, fillo de Sancho IV, o dominio de Vilar de Paio Muñiz, señorío tamén coñecido como da Cruz de Merca. Sucédelle o seu fillo Alonso Vázquez de Villar, quen casa con dona Violante López Mosquera. A partir de entón, o apelido Mosquera irase convertendo no dominante entre os seus herdeiros. Na segunda metade do século XVI, o noso cabaleiro, don Pedro López Mosquera Villar, casa con dona Luísa Sarmiento, señora de Bentraces, de Guimarei, da torre de Meira e do couto do Viso, así como dos coutos e xurisdicións asociados. Dona Luísa falece en 1614, herdando o morgado de Guimarei (A Estrada) o seu fillo Antonio Mosquera Villar y Pimentel, nacido en Ourense en 1589; nel recaerá tamén o señorío de Vilar de Paio Muñiz. É o último con este título nacido en Ourense. Os seus sucesores verán a luz na Torre de Guimarei ou, a partir do s. XVIII, no pazo construído polos Aranda na praza do Teucro, en Pontevedra.

Antonio Mosquera exerce como familiar do Santo Oficio, viste hábito de cabaleiro da orde de Alcántara e convértese en administrador xeral da Real Fábrica de salinas de Galicia. O seu irmán Rodrigo (que prefire apelidarse Suárez Sarmiento) mantén o título de señor de Bentraces e destaca como cabaleiro de Santiago, membro do Consello de Facenda e superintendente xeral das rendas do reino de Galicia.

Nos séculos posteriores, o vello tronco dos Mosquera segue a dar brotes novos. Mentres unhas ramas se secan e desaparecen, outras florecen vizosas. Unha desas liñas emparenta cos marqueses de Aranda, e o título de señor de Vilar de Paio Muñiz quedará vinculado a esta casa grande.

Luís Mosquera y Aranda herda os marquesados de Aranda e Guimarei, mentres o seu irmán Manuel, nacido en Pontevedra en 1730, recibirá o señorío de Bentraces. A partir de aquí, o vínculo coa condesa de Pardo Bazán estreitase. Da prole de Manuel Mosquera só alcanzará a vida adulta un fillo, Gonzalo, que, á súa vez, terá tres fillas. Unha delas, Joaquina Mosquera Ribera, casa co tenente coronel Miguel Pardo Bazán, e dese matrimonio nacerá José Pardo Bazán y Mosquera, pai de dona Emilia.

Contenido patrocinado

stats