Opinión

Maios, Santa Cruz:Camiño da vida

Chegan os Maios froridos, aparecen por unha e outra rúa, levados como trofeos por mozos, nenos e acompañantes, colaboradores todos necesarios da acción festiva anual no tres de maio, o día da súa Invención. Máis, que despropósito, mover a festa!, antiquísima conmemoración que xa estaba nos calendarios e fontes litúrxicas mozárabes antes do ano mil..., como San Miguel en Celanova. As rúas quedan estradas con fiunchos, xestas e algúns carrabouxos, galano que as engalana de Primavera. Os maios tamén nas prazas de Leiro ou Verín. E as coplas que os acompañan: se son dos colexios, pois ‘os ordenadores Abalar/van moi de vagar’, e se é no val do Támega, ‘un hotel de catro estrelas/con doce habitacións/e resulta que non teñen/clientes no Parador’, críticas acaídas cómo non podía ser menos. Entre nós xa no Diccionario de Pascual Madoz, de mediados do século XIX, dise que as festas máis importantes de Ourense son os Maios (cos folións de Entroido). Fai cento cinco anos, en 1909, se fixo o primeiro concurso, organizado por Hixinio Ameixeiras, director do semanario “O Tío Marcos da Portela”. E todo desde o camiño da Cruz, na súa capela privilexiada do Santo Cristo: e pola imaxe santa, a Santa Cruz frorecida. Coa estrutura de madeira recuberta con tea de saco, para coser nela o musgo, xestas e frores, mais sempre do monte, e os colares de carrabouxo: ‘Mirade a feitura/dos carrabouxiños/tan repinicados/e tan redondiños’. Cantos máis leve máis enxebre é o Maio. E a copla ben feita, con versos de 6 sílabas e rimar en asonante ou consonante (cando menos a 2ª coa 4ª, unha estrutura invariable, que comeza cun saúdo do Maio, que é o que fala, exaltación da primavera e logo os temas, dende o máis preto ó universal, criticando sempre, pois esta é a esencia da copla, e cantalas. O final eran botados no río. Costume xa esquencida, así era o ritual completo nalgún tempo...

Os Maios de Acisclo Manzano

Outra é o silencio ó redor dos Maios do escultor Acisclo Manzano. Un ano máis, sen inaugurar, levan xa un tempo, e alí onde están locen todo o ano, coa vermella cor do aceito cortén: nas inmediacións da Chabasqueira, a carón do Miño, no Barrio da Ponte, o máis coñecido. Hai outro ó lado do Barbaña, no barrio de Mariñamansa, diante dunha ponte que vai a ningures..., metáfora, e símbolo a un tempo dunha errata de vulto redondo. Está na rúa do gran Manuel Murguía, a prol do Banco de Alimentos. As pirámides ferruxinosas, como oxidadas pola acción das augas emerxen vizosas coas caras en perfil, dialogando, e nos ocos, carrabouxos. Entre as angulosas liñas que os limitan as formas curvilíneas das facianas deixan pasar a luz a través delas. Máis adiante está a rúa de Rodríguez de la Pasera, o impresor do Misal Auriense, na apreciación do culto bibliógrafo Norton, que rematou o 3 de febrero de 1494 segundo o colofón, na acrópole de Monterrei ...

Te puede interesar