Opinión

Ourense, capital do Entroido

Dende Ourense, con Paquita e Nicanor de Seixalbo, a Pita de As Airoás, Frei Canedo e as Romanas de A Ponte: así en Ourense, Capital do Entroido, isto é, a capital provincial dunha festa que se celebra na provincia dun xeito que é esencia dunhas xentes e dunhas terras. 

Dous nenos acompañan ás ‘Caras do Entroido’ do Concello coas súas mellores galas nunha noite na rúa dos viños (Lepanto) coa catedral no fondo, diante dunha singular mesa con cachucha e grelos, na que non falta viño, licor café ou de herbas. Un violín pon a música no limpo e enlousado pavimento de xadrez. Así é o cartel, decantada composición fotográfica de Mani Moretón para o Concello de Ourense, cun fondo de cor sepia. O fotógrafo é coñecido nesta festa de raizame por ter sido agraciado o pasado ano co encargo do cartel, tendo elixido daquela por escenario a nova piscina termal inter fontes da Burga, interesante motivo de troula nocturna e canalla para elegantes clientes dun hotel de cinco estralos (e un cometa). Ámbolos carteis reflicten glamour, de capital, exquisitos. Paisaxe urbana de referencia e paisanaxe identificativa local desta volta. Entón era a arqueoloxía, a proposta de valor engadido, salientable dende unha nova mirada a espazos deprimidos das traseiras da Burga e Xosefinas ata a rúa do Baño, novo espazo para os cidadáns co Centro de Interpretación no eixo. Agora é a arte catedralicia e a ‘Rúa dos Viños’, esencia do compartir no tempo de lecer ó redor dos ribeiros, valdeorras, ribeiras sacras -dun e doutro lado-, e as agasalladoras tapas que gardan as esencias das castes das cepas. In vino veritas! Días de músicas e comidas, especiales, espaciosas, demoradas, mais..., é o pan?, na mesa verde non hai pan: cómo qué?, non podemos ter compango sen pan!

Tampouco debe faltar no abano do padal ourensán o bon viño do val da acrópole de Monterrei, branco e tinto. Mais nas coplas deste ano os versos son acaídas críticas en clave festiva para os novos Señores xurisdiccionais da Democracia, pola prepotencia tan oposta do sistema participativo, transparente e representativo. Son estes os días de Mofa e Befa, de irreverencias coa música e os variados disfraces, e máscaras, cando o mundo en Europa do leste parece moverse nun in crescendo bélico que, entre nós, está moi maduro no social, e político, e tamén no cultural, co económico de biombo/ pano. A arte das comparsas, e as gañas festivas neste presentir do renacer da natureza, logo do chuviosísimo inverno que parece estar a escampar. Felos e Charrúas, Boteiros, Vergalleiros e Zarramanculleiros, Labardeiros e Gárgolas, Cabreiros e Fachóns, Vellaróns ou, craro, Peliqueiros, Cigarróns e Pantallas. O protagonismo no rural, de montaña e val, pero que o mundo urbano amplifica como caixa de resoancia, coa concentración dos mass media e os centros educativos. Aquí, sen dúbida, a estrela foi o proxecto-entroido do colexio Maristas para infantil e primaria, que co subtítulo ‘coñecendo as nosas tradicións’ desenvolveu unha semana de actividades curriculares e pedagóxicas, que amosan o camiño. Ave Mundi luminar.

Te puede interesar