Opinión

En galego con Sabela

Tiven o pracer de participar un chisquiño na adaptación ao galego do último single da cantante Sabela, titulado “En Galego Moito Mellor”, unha divertida canción coa que as “Baccara” representaban a Luxemburgo no Festival de Eurovisión 78 titulada orixinalmente “Parlez-Vous Français”. Non é a primeira vez que a nosa Sabela fai adaptacións e canta no noso idioma temas moi famosos como o “Dame Dame” de ABBA ou o “Rumore” da gran Raffaella Carrá, onde homenaxea á gran diva italiana recén falecida cantando un popurri dos seus mellores éxitos. Quixo a casualidade que xusto unha semana antes do pasamento da querida Raffaella, Sabela interpretase este tema na TVG.

Sabela con Antonio Carmona.jpg_web

 

Sabela con Antonio Carmona.

Alégrame ver que a nosa cantante volve estar de actualidade nos escenarios despois de vivir como a maioría dos artistas un tempo demasiado longo de reclusión forzosa polo coronavirus, facendo ao igual que moitos outros profesionais auténticas filigranas para seguir en activo e para que esta maldita pandemia non leve por diante unha carreira feita a base de traballo e ilusión, e que lles costou moitos anos consolidar, loitando contra vento e marea.

Porque a carreira de Sabela non se fixo da noite para a mañá, construíuse con moita dedicación e moitas ganas de conquistar o cariño do público, que nunca deixou de aplaudirlle; desde aquel “boom” conseguido co “Galego Mix” de hai xa bastantes anos, e que soaba a toda volume en toda canta festa, feira e mercado había por Galicia adiante, ata os éxitos máis recentes como “Adivina lo que traigo pa ti”, que esta gran amiga dos seus amigos quixo estrear nun cumpreanos do estilista e empresario Paco Gallego, nunha estupenda festa celebrada na ourensá Praza do Correxidor á que tiven o pracer de asistir.

Sabela ten cantado en escenarios, palcos e platós de televisión todo tipo de xéneros musicais, desde o pop máis actual ata os sons máis clásicos como o bolero, as rancheiras, os pasodobles ou mesmo o cuplé, se é isto o que lle piden os amigos de “Luar”, recreando a canción “Que vén o Coco”. Sempre gustou na súa vida profesional de introducir un toque de sensualidade e picardía nas súas actuacións, cousa que segue facendo porque a súa magnífica xenética permítelle seguir lucindo un estupendo corpo no escenario, cousa que lle encanta. E cousa que lle permitirá, cando os tempos volvan ser parecidos aos de antes, seguir asistindo ao Entroido Ourensán para sorprendernos coas caracterizacións que sempre lle preparan os seus amigos Paco e Manu. Sabela é unha namorada de Ourense, a onde acode moitas fins de semana para vivir todo o que a nosa cidade e a nosa provincia ofrecen. Non hai entrevista na radio na que deixe de piropear aos ourensáns, e eu sempre lle digo que ten que cambiar de empadroamento.

Esta noite Sabela estará no Bamboleo compartindo cartel co gran Antonio Carmona, que segue coa súa carreira en solitario despois de ter arrasado tantos anos con “Ketama”; outro deses enormes artistas que dá gusto ter como convidado, non soamente pola súa grandeza como músico e cantante, senón polo fácil que resulta traballar con el. A súa canción “Mencanta” xa se converteu en todo un himno para os millóns de seguidores que este marabilloso flamenco ten por todo o mundo.

Pois xa soamente queda gozar esta noite do “Bamboleo”, no que unha cantante de Boqueixón, vainos cantar como sempre cantou que todo, incluído o amor “En Galego Moito Mellor”.

Te puede interesar