Chus Pato, escritora: “Creo que escribo como é Ourense, onde naceron Ferrín e Valente”

AFIANDO INCONFORMISMOS

A escritora ourensá Chus Pato afía o seu inconformismo con La Región

Publicado: 01 dic 2024 - 07:00 Actualizado: 01 dic 2024 - 17:53

Chus Pato, escritora de Ourense
Chus Pato, escritora de Ourense

Chus Pato (Ourense, 1955) é Premio Nacional de Poesía 2024 pola súa obra “Sonora” (Xerais), na que fala do loito pola morte da súa nai. O xurado do galardón, que outorga o Ministerio de Cultura, sinala, entre outras cousas, que “é unha obra experimental, unha expansiva e concentrada conversación entre o poema e a morte”. Este recoñecemento súmase a outros, como o Premio Nacional da Crítica Española na modalidade de poesía galega. Membro da Real Academia Galega desde 2017 está considerada como unha das autoras fundamentais da poesía galega contemporánea.

Un premio nacional, para que serve?

Fundamentalmente para que o que eu escribo chegue a persoas que ata agora non tiñan opción de facelo e creo que amplía o ámbito de posibilidades. Para min é o máis importante.

Nos últimos anos foron premiadas tamén Olga Novo e Yolanda Castaño. A poesía en Galicia é cousa de mulleres?

Non, non o creo. O que pasa é que os xurados da Dirección Xeral do Libro creo que teñen agora unha tendencia, dalgunha maneira, de intentar equilibrar os anos de concesión deste premio a poetas masculinos e que por esa razón conceden eses premios a poetas do xénero feminino. Pero quero insistir en que hai poetas, tanto en lingua galega como en outras linguas peninsulares, masculinos extraordinarios.

Un poema celebra que somos libres e a linguaxe humana é un dos alicerces desa liberdade

“Sonora” xorde pola morte da súa nai. Que esgotou primeiro, as bágoas ou as palabras?

As bágoas, sen dúbida.

Sabemos falar da morte?

Non sei si se sabe falar da morte ou non. Eu si quixen falar da morte e escribín este libro para iso. Por outro lado é un dos grandes temas da poesía de todos os tempos.

Vostede dixo que “as vangardas sucederon e iso foi a esperanza do século XX”. Cal é a esperanza do século XXI?

A responsabilidade persoal. Creo que o século XXI, polo que imos vendo, é un século no que as persoas temos que darnos conta de que somos responsables do que ocorre, da historia e das cuestións políticas. Penso que hai unha crise moi grande de crenza na responsabilidade política e que as cousas van pivotar máis nos movementos cidadáns, se cadra, que no que é a política tradicional, porque esta non ofrece respostas. Realmente estamos gobernados polas grandes corporacións económicas mundiais. Ao mellor temos que poñernos moito máis as pilas a nivel individual e tamén a nivel de resposta cidadán para forzar á política tradicional democrática a ampliar a súa base.

O poema xurde na mente ou só cando se escribe?

A min, desde logo na mente. Falo de min porque hai moitas maneiras de concibir a poesía, hai moitas maneiras de escribir. No meu caso, o poema prodúcese cando hai un encontro con algo, que pode ser infinitamente variado. Pode ser unha pedra, unha persoa, un paxaro, un pensamento, unha imaxe, ben un mundo enteiro. Prodúcese entón ese encontro e eu empezo a crear imaxes, voces. Comezo mentalmente a constituír o que é un gromo dun poema e logo é traballo, traballo. Só escribo cando ese traballo oral é perfecto. A escritura supón pasar desa oralidade que é mental a unha imaxe, porque a escritura dun poema é unha imaxe. Por así dicilo é pasar dunha banda sonora a unha banda óptica.

Chus Pato, escritora galega nada en Ourense.
Chus Pato, escritora galega nada en Ourense.

Dicía vostede nunha entrevista neste periódico: “A miña poesía forma parte dunha corrente que non é a que máis gusta neste país”. A que se refire?

A poesía que se fai cargo da vangarda, e non estou dicindo que eu escriba poesía vangardista porque as vangardas históricas son de comezo do século XX, pero si é unha poesía que se fai cargo da vangarda; non é a que máis apoio recibe das instancias que canonizan aos poetas. En Galicia o canon é moi conservador. Prefiren, por unha banda, unha poesía máis didáctica, no pensamento de que a poesía pode educar a quen a le, cousa que non creo, non creo que ese sexa o fin da poesía. Pero se pensa que si, que a poesía ten que estar ao servizo de abrir a educación, de ser correa de transmisión de ideais políticos, por exemplo, ou sociais. Por outra banda, percíbese unha poesía que soe como o que a xente pensa que é a poesía. Normalmente é unha cuestión emocional, de sentimentos, vamos que estamos en Bécquer aínda, por así dicilo. Todo o que non sexa iso e non sexa bonito para os ouvidos da xente recibe menos apoio que unha poesía que fai o esforzo, non digo que o consiga, de ser contemporánea, de facerse cargo do mundo que vivimos hoxe en día.

Entón para que serve a poesía?

Para celebrar que somos quen de articular a voz en palabras, palabras que nos permiten interrogármonos por calquera suceso do mundo e tamén dicir que non. En definitiva un poema celebra que somos libres e a linguaxe humana é un dos alicerces desa liberdade.

Para ser poeta fai falta un punto de inconformismo?

Non o sei. Hai poetas de todas as situacións, xente que escribe poesía e é inconformista e hai xente que non o é. O que si que hai que ter é unha reflexión sobre que é a lingua e que é a linguaxe, e hai que empeñarse moito, traballalo e dedicarse a iso. Ten que gustarche escribir poesía e tes que, dalgunha maneira, comprometer a túa vida co poema que asinas. Iso creo que fai falta.

Lembra o primeiro poema que a impactou?

Si, “Margarita está linda la mar”, de Rubén Darío. É un poema que limos nas clases de primeiro de Bacharelato e impactoume moitísimo, moitísimo.

E lembra de que falaba o primeiro que escribiu?

Estaba nunha clase de Xeografía, nas Carmelitas, e me estaba aburrindo un montón. A ventá daba á Catedral e por alí había uns prados, non estaba como hoxe, e había unha vaca. E eu escribín sobre a vaca e a Catedral.

Ser de Ourense influíu en vostede como poeta?

Teño pensado moitas veces que todo o que escribo responde dalgunha maneira a un mapa que inclúe varios territorios. Dúas aldeas: a de Almorfe, a aldea de meu pai; a de Trasmiras, da miña nai, e as Rías Baixas, concretamente a cidade de Vigo. E logo de forma moi clara está o mapa de Ourense. Creo que escribo como é Ourense, un lugar onde naceron dous poetas que para min son moi importantes, Xosé Lois Méndez Ferrín e José Ángel Valente. O feito de que naceran aquí para min é un impulso, non sei como dicilo. De feito, hai un poema de Montale ao que respondeu Valente e en “Sonora” hai un poema no que tento responder aos dous.

Contenido patrocinado

stats