O BNG fai balance en Ourense e pide máis forza o 29-N
"MÁIS PESO"
O BNG reivindica en Ourense o seu traballo nas Cortes Xerais e pide máis peso político nas eleccións do 29 de novembro.
O BNG fixo balance en Ourense do traballo desenvolvido nas Cortes Xerais durante un almorzo informativo, reivindicando o seu papel como a única “representación xenuína e soberana” que garante a defensa dos intereses da provincia e de Galicia. O portavoz municipal, Luis Seara, destacou que “unha das obrigas dos representantes é dar conta do feito”, subliñando unha “verdade que é absolutamente medible: se o BNG está, Galiza e Ourense están”.
Pola súa banda, o deputado Néstor Rego mostrouse orgulloso do traballo feito, incidindo en que “podemos presentarnos diante da sociedade galega coa satisfacción de ter cumprido os nosos compromisos”, materializados no acordo de investidura con fitos xa acadados como a obrigatoriedade legal de implantar trens de proximidade. Non obstante, tamén lamentou os escenarios que quedaron no tinteiro debido ao adianto electoral e aos incumprimentos do Goberno central, como a tramitación definitiva da condonación de 4.000 millóns de euros da débeda galega. Ademais, erixiu á formación como un “muro de contención fronte á involución que representa o bloque reaccionario do PP”, acusando aos populares de “actuar exclusivamente por partidismo” ao votar sistematicamente en contra destes avances.
Na mesma liña, a senadora Carme da Silva puxo sobre a mesa a realidade do país fronte ao descoñecemento do Estado, ilustrando este abandono coa ineficacia dos dispositivos Cometa do sistema Viogén contra a violencia machista en “zonas sen cobertura” e rurais, o que deixa as mulleres nunha tremenda “inseguridade”. Tamén alertou das intencións da dereita cos dereitos sociais: “O PP ten claro que quere cambiar o modelo e privatizar o sistema” de pensións. “Din que o sistema de pensións peta. O que petou en Galiza foi a inflación”, sentenciou Da Silva, esixindo revalorizar as prestacións por riba desa suba de prezos para poder “vivir con dignidade despois de toda a vida traballando”.
Piden máis peso
De cara ás eleccións do vindeiro 29 de novembro, o BNG pide máis peso político para condicionar o goberno do Estado e impulsar políticas valentes: “Ou decidimos co noso voto, ou decidirán por nós”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último