OBRAS Y SOCAVONES
Ourense, la ciudad de las vallas infinitas
CIDADE PIONEIRA
O Cineclube Padre Feijóo é un símbolo da resistencia cultural en Ourense. Leva máis de medio século proxectando cine de autor, organizando debates e mantendo viva a paixón polo cinema nunha cidade que, paradóxicamente, carece de salas de exhibición independente e de apoio institucional estable. Nas súas sesións respírase comunidade, memoria e liberdade, onde as imaxes exhibidas son algo que vai máis aló dos propios filmes, son un oasis no deserto.
O seu responsable, Manuel Precedo, explica que o cineclube funciona unicamente grazas ao traballo voluntario: ninguén cobra nada e todos colaboran en tarefas tan diversas como pegar carteis, limpar a sala ou organizar as proxeccións. O que os move, di, é a paixón polo cine, o compromiso coa cultura e a vontade de ofrecer á cidadanía un espazo para mirar o mundo desde outra perspectiva.
A situación económica do Padre Feijóo complicouse cando o Concello, tras a chegada de Jácome á alcaldía, retirara toda axuda municipal. “Eliminouse calquera tipo de subvención ás asociacións culturais”, unha decisión que considera un erro grave para a vida da cidade e os seus habitantes.
Sen ese apoio, o cineclube sobrevive grazas ás cotas dos seus socios, que son en torno a 1.000 persoas. “Moitos están fóra, aínda que manteñen a membresía e veñen de vez en cando. Hai que ter en conta a realidade da emigración dos ourensanos”, explica Precedo.
As proxeccións celébranse todos luns, mércores e venres na Casa da Cultura, cun aforo de pouco máis de cen persoas e un máximo de dúas sesións por día. Cada ano chegan a programar preto de cen películas, combinando cinema recente, clásicos recuperados. Tamén contan coa colaboración da Filmoteca de Galicia, que lle permite replicar a súa programación.
O historiador e experto en cinema galego Xosé Nogueira salienta que o Padre Feijóo non é só unha sala de proxeccións, senón tamén un espazo de reflexión colectiva. Ao longo da súa extensa vida funcionou como un laboratorio de ideas sobre o cinema galego e como o lugar onde Galicia comezou a pensar que tipo de cine quería construír para si mesma.
Precedo subliña que o obxectivo non é competir co cinema comercial, senón ofrecer aquilo que o mercado non cobre: outros relatos, outras linguas e outras sensibilidades. Ademais, colle a función dun cine con programación independente ante a súa ausencia nada cidade. O público que acode ao Padre Feijóo é fiel, pero limitado, nun tempo no que moitas persoas están afeitas ver películas na casa.
Malia todo, o Cineclube Padre Feijóo continúa a ser unha trinchera cultural aberta e con boa saúde. Sobrevive grazas ao traballo altruísta dun grupo de persoas que entenden o cinema como un ben común e á fidelidade dun público que se nega a renunciar á experiencia colectiva de ver unha película. Ademais, xunto aos cineclubes do Barco de Valdeorras ou do Carballiño forman un tecido moi destacado. “A diferenza é que a eles si que os axudan a nivel municipal”, sentencia Precedo.
A cidade de Ourense posúe unha das tradicións cineclubistas máis antigas e fecundas de Galicia. O historiador Xosé Nogueira lembra que Ourense foi pioneira neste ámbito, pois o primeiro cineclube galego, o Cine Club Orense, fundouse aquí no 1952 nun contexto de censura e escuridade cultural. Aquel grupo de cinéfilos converteu a cidade nun espazo de liberdade e pensamento, abrindo camiño a unha cultura cinematográfica que perdura ata hoxe.
Nos anos setenta esa tradición renovouse co nacemento do Cineclube Padre Feijóo, impulsado no 1970. En 1973 organizouse a primeira Semana de Cine de Ourense, que sería o xérmolo das Xornadas de Cine das Nacionalidades e Rexións. Aquel encontro, que se celebrou durante boa parte da década, converteuse no primeiro foro estatal onde se debatiu abertamente o concepto de cinemas nacionais e o papel do cinema galego dentro deles. Nese marco sería onde Xosé Lois Pérez Cid pronunciaria a famosa frase “O cinema galego é a consciencia da súa non existencia. Xa é algo”
Nogueira explica que o Padre Feijóo foi o punto onde o cine galego tomou conciencia de si mesmo, o lugar no que se discutiu se o cinema debía ser militante e político ou dar o salto cara a unha industria profesional que fora quen de realizar e distribuír as súas propias obras. “Non se podería entender a historia do cinema galego contemporáneo sen el”, conclúe.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CÚMULO DE LESIONES
Totó, el pulmón del Allariz
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior