Elena Seijo, actriz ourensana: “Galegos e irlandeses somos pobos irmáns, hai algo que nos conecta”
ENTREVISTA
Elena Seijo chega ao OUFF omo protagonista de “Walking Holiday (El mismo camino)”, o filme dos irmáns irlandeses Cian e Jack Desmond rodado nos Ancares. A cinta, unha coprodución entre Irlanda e España que chega á cidade tras a súa estrea mundial en Irlanda
Elena Seijo (Ourense, 1962) leva máis de catro décadas facendo do escenario e da cámara o seu oficio. Cofundadora de Sarabela Teatro, construíu unha longa traxectoria sobre as táboas que acabou convivindo cunha destacada presenza no audiovisual galego e estatal. Agora regresa ao OUFF omo protagonista de “Walking Holiday (El mismo camino)”, o filme dos irmáns irlandeses Cian e Jack Desmond rodado nos Ancares. A cinta, unha coprodución entre Irlanda e España que chega á cidade tras a súa estrea mundial en Irlanda.
Pregunta. Vén de producións moito máis grandes. Este é un filme pequeno. Como foi para vostede afrontar este proxecto?
Respuesta. Este proxecto chegoume da man dos seus directores porque buscaban unha persoa da miña idade que falase galego e puidese gravar en agosto do pasado ano. Explicáronme o proxecto e xa me interesou bastante. Despois mandáronme o guión e gustoume moito porque fala de algo universal: persoas con idiomas distintos que se entenden, pero tamén de emocións, sentimentos e cousas non ditas que levamos dentro. Os personaxes non se coñecen, pero iso tamén os axuda a observarse e a falar case sen entenderse. Sabía que era un proxecto pequeniño, pero o que se conta é moi grande.
P. Os dous personaxes non falan o mesmo idioma. Como actriz, como se constrúe unha relación cando non pode apoiarse nas palabras?
R. Obrigábame a manter unha atención diferente. Centrarme nas miradas, nos xestos, nos tons e nos non ditos. Había que estar moi alerta e concentrada. Ademais, notaba que entre irlandeses e galegos hai algo que nos une, como a relación coa natureza e coa contorna. Somos pobos irmáns. Eu manexo moi pouco inglés e o actor non falaba nada de español, pero entendíamonos perfectamente. É curioso non falar a mesma lingua e saber do que se está falando porque che toca no corazón. Os personaxes aprovéitanse un do outro para sacar fóra cousas que nunca expresaron.
P. A rodaxe foi nos Ancares, unha localización moi especial.
R. É un lugar impresionante. Xa o coñecía, pero nunca me adentrara tanto no bosque nin estivera tan en contacto coa xente de alí. Ademais, foi o verán de 2025, con moitos incendios en Galicia, pero xustamente aos Ancares non lles tocou. Era coma se estivésemos nun reduto. Ás veces eu non podía vir a Ourense porque non había trens ou autobuses, ou estaban as estradas cortadas. Alí, en cambio, estabamos moi agarrados á natureza.
P. Agora chega a presentación no OUFF e xoga na casa. Faille ilusión?
R. Moita. Eu aínda non vin o resultado do filme. Estreouse no Festival de Galway e eu ía ir, pero ao final non puiden porque a miña nai de 101 anos púxose enferma, así que vou poder desfrutala aquí por primeira vez. Teño moita confianza neles porque, cando me propuxeron o proxecto, vin curtas súas premiadas en festivais de Irlanda e gustoume moito o seu traballo. Eramos un equipo moi pequeno, pero estou segura de que vai quedar chulo.
P. Ata que punto é especial para vostede este proxecto?
R. É o primeiro proxecto que fago que non é na miña lingua, así que xa por iso é algo único e importante para min.
P. Ten carreira en televisión e está dende sempre vencellada ao teatro a través de Sarabela. Que diferencia ao cinema?
R. Non ten nada que ver co teatro que fago en Sarabela, nin coa televisión, que é moito máis rápida. O cine é máis íntimo.
P. E que lle gusta máis?
R. A min gústame todo, non podo elixir. Da televisión interésame a inmediatez. Do cine, ese traballo de miradas e de estar simplemente sentindo e do teatro, o contacto co público e saber que todas as cousas que suceden ese día e nunca van ser igual. Son cousas moi diferentes, pero encántanme todas.
P. Fixo moitos papeis cómicos, pero tamén personaxes moi duros e dramáticos. Onde se sente máis cómoda?
R. Creo que os extremos se tocan, o máis difícil é estar no medio. Cando me toca comedia pásomo xenial e cando me toca drama tamén, aínda que sufra máis. Nos dous casos descubro recursos na voz, no corpo ou na mirada e déixome acompañar polos compañeiros. Interpretativamente son moi distintos, pero para min están ao mesmo nivel.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
GESTIÓN ESTRATÉGICA
La nueva ley de incendios adaptará la prevención al riesgo real de cada zona
AUSENCIA DE INFORMES
El Concello de Ourense lleva de nuevo los presupuestos a pleno
PROGRAMA DE PROVIVIENDA
Una vivienda “Bule Bule” como inserción a la vida adulta en Ourense
Lo último
REDUCIR DEPENDENCIA ENERGÉTICA
El alza de los precios en los combustibles obliga a prorrogar el escudo anticrisis
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, martes 29 de septiembre?
ANDALUCIA EN ESPAÑA
Más de tres décadas de Andalucía en el corazón de la Comunidad Valenciana