Josebe Blanco, pastora e escritora: “Vai haber necesidade de regresar ao rural”

PRESENTACIÓN EN OURENSE

A pastora de orixe galega Josebe Blanco presenta en Ourense a versión en galego do seu diario sobre a vida coas ovellas en Guipúscoa, tras deixar o ensino para dedicarse ao pastoreo e á elaboración de queixo.

Josebe Blanco, xunto ao seu rabaño de ovellas.
Josebe Blanco, xunto ao seu rabaño de ovellas.

Hai máis dunha década decidiu cambiar as aulas como profesora de éuscaro para adultos en Vitoria polo pastoreo de ovellas nun casarío do municipio de Antzuola (Guipúscoa). Josebe Blanco (Salceda de Caselas, 1973) reflectiu esa experiencia co rabaño nun libro a modo de diario que sacou en éuscaro no 2023 e que agora traduciu ao galego polas súa orixes, e que presenta este martes en Ourense, nun acto que se celebra ás 20,00 horas no Andén Primeiro do barrio da Ponte.

Pregunta. Como foi deixar o profesorado polo pastoreo?

Respuesta. Cando eu estaba a escribir o libro, levaba oito anos de pastora e agora xa levo doce. O meu traballo antes de ser pastora e facer queixo era como profesora de éuscaro nun “euskaltegi”, un espazo onde a xente adulta vai aprender o idioma. Chegou un momento en que collín unha excedencia para ver como me sentía eu coas ovellas na casa, facendo queixo e tal. Estiven un ano de excedencia aprendendo a vivir coas ovellas todo o día, aprendendo a facer queixo, e chegou a época de decidir que facer, se tiña que voltar ao “euskaltegi” ou deixalo xa para sempre, e collín a segunda opción.

P. Por qué as ovellas?

R. O meu compañeiro si que leva toda a vida, levaba xa entón toda a vida traballando con ovellas, de pastor e facendo queixo, era o que había na casa. É unha cousa curiosa porque claro, a miña nai e o meu pai eran de familia de labregos tamén. E eu cando era pequena sempre andaba coas vacas, pero o certo é que cando coñecín as ovellas namoreime delas.

P. Influíron esas orixes labregas na súa decisión?

R. Pode ser, porque na miña na casa dábaselle moita importancia ao traballo das persoas labregas, a importancia de traballar para facer de comer para outras persoas, para a xente da túa comunidade e foi algo que me acompañou durante toda a vida. E cando vivía na cidade sempre procuraba ir a por comida aos mercados e sempre o meu soño era vivir no monte, buscar outros espazos que tamén permitiran ter unha autosuficiencia e unha autonomía do máis esencial da vida, que é o alimento. E doutra banda tamén, poder, ademais de vivir coa natureza, ter a opción de sentir e de implicarme nunha comunidade de persoas máis pequena.

P. No rural vívese a vida plena?

R. Cando atopamos sentido ao traballo que facemos, cando estás aportando a este mundo, alimentando vida e á túa comunidade, estamos máis cerca dunha vida plena. Iso pode ser no rural ou na cidade, pero para min é no rural.

P. Que bota en falta?

R. Paréceme que se lle dá pouca ou ningunha importancia a aquilo que nos mantén vivos, que é a comida e o traballo para conseguila. As políticas públicas esqueceron o rural porque asumen que a industria xa che dá a comida no supermercado. O rural quedou relegado para o tempo libre da cidade ou para instalar o que alí non queren, como vertedoiros ou macroproxectos enerxéticos. Con todo, penso que vai haber necesidade de regresar ao rural porque a vida vai ser impracticábel nas cidades. Hhai persoas que non poden seguir a vivir no seu barrio porque os prezos da vivenda están imposíbeis e van marchando ás aldeas.

P. Necesitan máis as ovellas do pastor ou o pastor das ovellas?

R. Foron elas as que me ensinaron a ser pastora; se elas non están, eu non son. Elas non sei se vivirían sen min, non sei se vivirían sen nós. Pero agora na miña vida necesito delas e as horas pasadas con elas son as que me fixeron a min, foron ensinándome que é o que precisan, que é o que teño que facer para que elas teñan boa vida.

P. Cal é o enfoque do libro que agora presenta?

R. O proceso de escritura é un proceso de rumia, igual que os animais rumiantes teñen que remoer para asimilar o alimento. O libro é un diario dun ano no que conto o que vai pasando no rabaño, que me inclúe a min e á miña familia, e como nos atravesan outras circunstancias, como as políticas públicas, os macroproxectos ou o feito de ter que levar aos rapaces á escola sete quilómetros por pista de monte. Escribín o libro sobre dúas bases. A primeira, cada persoa ten o seu xeito de estar no mundo. E a segunda, o mundo non nos acolle do mesmo xeito a todas as persoas. O libro, ademais de deixar constancia da nosa existencia, é unha escusa para pensar no noso xeito de estar no mundo e de repensar o xeito que temos de vivir.

P. Que a levou a trasladar o libro ao galego tres anos despois?

R. As raíces. Aínda que sempre vivín aquí, no País Vasco, a miña lingua materna é o galego e a miña familia está alá. Tiña que traducilo si ou si, é sentir que tes que devolver o que che deron. E para min é moi importante que os meus tíos, que a xente de alá, poida ler o que eu vivo ou que aquí vivimos e o que sentimos. E moitas veces relacionado con isto tamén, pregúntome, que pensarían as miñas avoas ou os meus pais véndome agora aquí traballando coas ovellas. Porque eles xustamente saíron do rural e eu volvo a el.

Contenido patrocinado

stats