Memoria viva da historia de Ourense na Biblioteca da Deputación

MÁIS DE 40 ANOS DE HISTORIA

A Biblioteca da Deputación, con máis de 40 anos de historia, achégase ós 100.000 fondos documentais, compostos por publicacións relativas á provincia e importantes arquivos persoais de ourensáns ilustres

Isabel Almuíña é a directora da Biblioteca da Deputación.
Isabel Almuíña é a directora da Biblioteca da Deputación. | Marcos Atrio

A simple vista son estanterías con libros, revistas e arquivadores. Coma en calquera outra biblioteca. Pero aquí, moitos deses volumes teñen anotacións, esquinas dobradas e unha vida propia que lle deron aqueles que os atesouraron e que despois elixiron estas estanterías como lugar no que entregarse ós ourensáns. A Biblioteca da Deputación Provincial observa dende o último andar do centro cultural Marcos Valcárcel a evolución dunha cidade que ten documentada en papel no seu labirinto documental.

O traslado da Biblioteca Nós dos baixos da Deputación en 1975 propiciou a creación desta institución, da man do daquela presidente, Victorino Núñez. Foi o 17 de maio de 1982, Día das Letras Galegas, cando se inaugurou oficialmente. Terían que pasar dous anos ata que se abrise ó público “coas adquisicións das bibliotecas e arquivos persoais do escritor Eduardo Blanco-Amor, do etnógrafo Ben-Cho-Shey e do historiador Alberto Vilanova”.

Programas antigos das festas do corpus, firmados por importantes ilustradores
Programas antigos das festas do corpus, firmados por importantes ilustradores

En 2007 trasladouse ata as renovadas dependencias do Marcos Valcárcel, “onde se gañou en espazo e nos permitiu reubicar as distintas bibliotecas en espazos máis definidos e evidentemente nunhas instalacións máis modernas e apropiadas”. Así resume Isabel Almuíña, directora da Biblioteca da Deputación, a historia dun lugar que coñece dende o primeiro titular de La Región ata o punto final da publicación provincial máis recente.

A biblioteca e arquivo de Ben-Cho-Shey son os fondos que inauguraron a biblioteca
A biblioteca e arquivo de Ben-Cho-Shey son os fondos que inauguraron a biblioteca

A da Deputación é unha biblioteca catalogada como especializada, destinada á consulta de documentos que, na súa maioría, solicitan investigadores, historiadores, xornalistas, profesores ou estudantes universitarios. Ó seu dispor, unhas 24 bibliotecas de autores ourensáns cos seus respectivos arquivos persoais. “Estou a falar por citar algunhas das bibliotecas de Blanco Amor, Ben-cho-shey, Matilde Lloria, Benito Fernández Alonso, Alberto Vilanova, José González Paz, Xesús Alonso Montero, a biblioteca carlista de Manuel Rego Nieto, a biblioteca das poetas Pura e Doura Vázquez…”. Así ata sumar máis de 87.000 exemplares dende a primeira ata a última incorporación, a biblioteca de Elixio Rivas. O valor de todos e cada un deses volumes sumou para o recoñecemento como Biblioteca de Especial Interese para Galicia.

Das paredes tamén colgan tesouros, coma o plano dunha praza de touros para Ourense
Das paredes tamén colgan tesouros, coma o plano dunha praza de touros para Ourense

No percorrido é imposible non contaxiarse da ilusión de Isabel Almuíña, que coñece de memoria a ubicación de cada papeliño e deixarse conquistar non só por esta riqueza de fondos, senón tamén polos epistolarios, manuscritos, documentos persoais, folletos, carteis…, que amosa coa emoción de quen comparte un tesouro. Pero iso non é todo. “Tamén contamos cun importante arquivo fotográfico do que hai uns meses ampliouse coa doazón do árbitro Gómez Barril”.

A historia da Biblioteca da Deputación está tan viva como a propia historia de Ourense e adáptase ós tempos apostando pola dixitalización dos seus fondos. Para iso, “estamos a levar a cabo proxectos de dixitalización do fondo antigo para darlle maior difusión á colección”. No horizonte máis próximo, “estamos pendentes de incorporar ao redor de uns 12.000 exemplares”. Un traballo que non cesa para acadar que a institución sexa cada día máis coñecida e recoñecida.

A hemeroteca de La Región, fonte esencial de investigación

Dentro do amplísimo fondo documental da Biblioteca da Deputación, un dos grandes tesouros son as súas hemerotecas. “Podemos presumir de ter un extenso, variado e crecente repertorio de prensa histórica e revistas culturais”. Como é o caso de La Región, unha das cabeceiras máis demandadas polos usuarios.

Con 115 anos de historia narrada nas súas páxinas, “a súa relevancia radica en que adica unha especial atención ás noticias da provincia de Ourense, por iso é unha das principais fontes de información para o estudo histórico da provincia, sendo a publicación que máis consultas xera na Biblioteca e no repositorio de Galiciana, que durante anos estivo entre os tres primeiros xornais máis consultados de toda a comunidade”. Hoxe, La Región xa non está dispoñible en Galiciana trala frustrada compra por parte da Deputación de Ourense, pero, segundo conta Almuíña, “o ano pasado estaba de primeira cabeceira na clasificación de consultas, con máis de 370.000 páxinas visitadas, e no ano 2023 chegou a ter ao redor de 378.000 consultas”.

A hemeroteca de La Región constitúe unha “fonte principal de información” para a maioría dos investigadores e sobre todo historiadores, xornalistas e algún bloguer, se ben hoxe na Deputación tan só teñen unhas cantas décadas, estando en mans de La Región a única colección completa de toda Galicia deses 115 anos de historia. Ademais de seguir contando o día a día da provincia, “é un diario dos máis antigos de Galicia e nel escribiron persoeiros da talla intelectual de Otero Pedrayo, Risco, Blanco Amor, Ben-Cho-Shey…”, lembra Isabel Almuíña. Salienta tamén o diario La Zarpa, “do que temos a única colección completa de Galicia”.

Contenido patrocinado

stats