Ofelia Debén, presidenta de Proxecto Home Galicia: "O problema das adiccións segue sendo moi serio"

ENTREVISTA

A presidenta de Proxecto Home Galicia analiza os cambios no perfil das persoas atendidas, a crecente incidencia dos problemas de saúde mental e os novos comportamentos adictivos.

Ofelia Debén, presidenta de Proxecto Home Galicia
Ofelia Debén, presidenta de Proxecto Home Galicia | Miguel Ángel

Ofelia Debén (Ourense, 1964) é psicóloga e presidenta de Proxecto Home Galicia. Con 37 anos de experiencia no tratamento das adiccións, analiza os cambios no perfil das persoas atendidas, a crecente incidencia dos problemas de saúde mental e os novos comportamentos adictivos.

Pregunta. Como cambiou o perfil das persoas con adiccións nos últimos tempos?

Respuesta. Cambiaron varias cousas. O problema de saúde mental acompañado da adicción é cada vez máis serio. Non é o mesmo traballar cunha persoa que só teña unha adicción que con outra que tamén teña esquizofrenia, psicose ou un trastorno da personalidade. Tes que atender as dúas problemáticas e iso condiciona bastante o tratamento. Tamén atopamos persoas de moita idade con poucas saídas para a inserción sociolaboral, porque canto maior es, máis dificultades tes para atopar traballo.

P. Que substancias predominan actualmente?

R. Aínda que hai noticias de que volve a heroína, a nós non nos chega moita xente con esa adicción como a que coñeciamos nos anos oitenta e noventa. Seguen sendo as drogas estimulantes, fundamentalmente a cocaína, as que ocasionan máis problemas. E tamén o alcohol, que provoca moito deterioro cognitivo. Ás veces, cando se lle dá importancia, o comportamento adictivo xa está nun nivel moi alto.

P. Existe unha relación entre as adiccións e os problemas económicos?

R. Non son persoas necesariamente con problemas económicos ou cun nivel sociocultural baixo. Atendemos xente que está de baixa laboral polo tratamento ou que compatibiliza o traballo coa rehabilitación. Outra cousa é que poidan acumular débedas polas drogas.

P. No caso das mulleres, atopades dificultades para que accedan aos tratamentos?

R. Si, hai moitos condicionantes sociais. Teñen fillos, cargas familiares que seguen dependendo máis delas e, moitas veces, problemas de violencia vinculados á adicción. Todo isto dificulta que inicien un tratamento.

P. Diminuíron as adiccións nestes anos?

R. Levo 37 anos traballando e a problemática non descendeu. O deterioro que provoca na vida das persoas e das súas familias segue sendo o mesmo. E agora súmanse as adiccións sen substancia como o xogo, as apostas ou as redes sociais. Comezan como unha diversión e acaban sendo un problema.

Contenido patrocinado

stats