Patricia Torres: "Pídolle ás familias dos futuros usuarios do CAPD que confíen en nós"

A responsable de políticas sociais na Deputación de Ourense, Patricia Torres, visitou este xovez o CAPD de Barrocás de Ourense

Publicado: 07 feb 2025 - 04:45 Actualizado: 07 feb 2025 - 15:18
Patricia Torres analiza o futuro do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade

A responsable de política social na Deputación de Ourense, Patricia Torres, analiza o futuro do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Barrocás, que finalmente estará xestionado por unha entidade social sen ánimo de lucro. Considera que é unha boa decisión e pídelle as familias que lles den un voto de confianza.

Pregunta. A Deputación apoiou sempre a xestión directa do centro, porén no pleno do pasado venres votou en contra. A que se debe esa decisión?

Respuesta. O que se plantexaba nun primeiro momento era a xestión directa por parte da Xunta, a través de funcionarios, ou a xestión empresarial, a través de empresas que teñen ánimo de lucro e beneficios. A Deputación, e neste caso o Partido Popular, sempre votamos a favor da xestión pública directa porque considerabamos que era o mellor e porque tamén entendíamos que era unha demanda das familias. O feito de que agora cambiásemos de opinión, apoiando a xestión privada, é consecuencia dun cambio nese modelo, xa que a administración do CAPD correrá a cargo dunha entidade social sen ánimo de lucro e non dunha empresa. 

P. Por que consideran que unha entidade social é a indicada para asumir a xestión deste centro?

R. A través da política social temos feito moitas visitas e eu podo dicir que os centros xestionados polas entidades sociais, ademais de ter grandísimos profesionais, son lugares nos que se respira amor. Creo que iso é importante. Ademais, nas entidades sociais non hai ánimo de lucro, porque todo o reinvisten en melloras para os seus propios centros. Unha vez que coñecemos as entidades sociais e ademais vemos, co equipo xurídico, todo o que son os pregos, a verdade é que nos deu tranquilidade.

P. Como está plantexado o funcionamento e que papel vai ter a Xunta?

R. Nos pregos garántese que a xestión e as ratios van ser como unha xestión directa, como se fora realmente a través de persoal público, con todas as garantías, con todos os sistemas de control para poder rescindir o contrato no momento que faga falta. Ademais, estamos falando de que as entidades sociais que xestionan centros privados necesitan, moitas veces, buscar subvencións para poder manterse. Aquí a Xunta vai correr cos gastos do persoal, que neste caso son case 14 millóns de euros repartidos en dous anos, máis un ano de prórroga. Por tanto, entendemos que estase garantido que vai funcionar si ou si. 

P. Entende a decepción das familias que farán uso do centro?

R. Nós entendemos que as familias o que solicitaban era totalmente lexítimo e lóxico, pero pídolles que confíen en nós, porque danos a sensación, non por parte deles, pero si que se está politizando o tema e é triste. Dende a Deputación podemos recibir ás familias as veces que queiran, ofrecemos un equipo multidisciplinar, formado por unha traballadora social e por unha persoa xurídica, para calquera tipo de reclamación, dúbida, inquedanza que poidan ter, incluso coa solicitude das prazas. 

P. Os usuarios levan moito tempo esperando este centro, finalmente hai unha data marcada que é o 1 de abril. Será xa a definitiva?

R. Neste caso, como xestora política non me quero aventurar coa data. O 24 de febreiro acaba o prazo da licitación, pero por como son procesos burocráticos, pode haber algún tipo de reclamación, a idea é que abra o 1 de abril. Vai ser un centro de referencia, moderno no que se reúnen as mellores condicións para os usuarios. Ourense ben merecía este centro, as familias ben merecían este centro.

Contenido patrocinado

stats