DEFICIENCIAS EN LA SEGURIDAD
Primor cierra temporalmente en la rúa do Paseo en Ourense por incumplir la normativa de incendios
TRASLADADOS Á PRAZA MAIOR
Agulla e fío de rafia. Esas son as ferramentas máis empregadas estes días polos veciños de Ourense, para coser o musgo á tea de saco. A Festa dos Maios está á volta da esquina e como cada ano, ninguén quere quedar sen facer a súa propia construción. “Levabamos anos vendo á xente facelos e nós tamén queriamos ter o noso”, asegura Luango Afonso, un rapaz de 16 anos que xunto cos seus amigos leva xa tres anos participando nesta celebración tan especial, declarada de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2001.
“A semana pasada empezamos a montar a estrutura con paus e sacos e hoxe comezamos a por o musgo”, explican de xeito detallado estes rapaces que están a realizar, nun baixo do casco vello da cidade, un maio tradicional en forma de pirámide. “O sábado -é dicir hoxe- poremos as flores para que o domingo poidan lucir e destacar entre o resto”, apuntan. Non saben se gañarán algún premio, pero iso tampouco lles importa demasiado. Queren “pasalo ben” e “vender moitas coplas”.
A clave para isto último está en ser orixinais á hora de compoñer as letras -que teñen que levar certa retranca-, pero sobre todo en seducir ás persoas que pasan por diante do seu maio. “Hai que saber cantalas ben, para que chamen a atención da xente”, asegura Luango. No seu caso non lle poñen un prezo concreto, “pedimos a bondade”, indican. Porén, o ser nenos din que lles beneficia, porque moitas veces danlle máis cartos do prezo habitual das coplas -que polo xeral é dun euro-.
Preguntados pola parte que máis lle gusta desta festa non saben ben se decantarse polo maio ou polas coplas. “Todo é moi creativo e iso fai que cada ano poida ser diferente, é divertido”, destaca Luango.
Pese a que o tempo quere empanar os festexos, este domingo a Praza Maior estará engalanada con construcións de todo tipo. A Asociación Provivienda de Ourense xa ten listas tanto as coplas como o maio. Pola súa parte a agrupación socialista local reuniuse onte na súa sede para preparar a pirámide, mentres que a Marcha Mundial das Mulleres rematará hoxe os últimos detalles. Son só algúns exemplos, porque ao longo da cidade hai diversos puntos nos que estes días se estiveron preparando maios con moito cariño e mimo por esta tradición.
Ante as choivas previstas para este domingo, día 4 de maio, Ourense traslada a celebración da Festa dos Maios á Praza Maior da cidade. Alí, haberá instalada unha carpa para que as asociacións, grupos de amigos e colexios poidan exhibir os Maios, nos que levan días traballando, e vender as súas coplas.
Ademais, os ourensáns poderán gozar -a partir das 11,00 horas- doutras actividades como talleres de confección de coroas ou a ruada de música tradicional con cabezudos. Xa pola tarde, a partir das 19,00, terá lugar a entrega de premios dos mellores Maios e coplas, seguido do concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.
Con motivo do cambio de ubicación para a celebración dos Maios, a liña número 19 do servizo de transporte urbano -que une a Praza Maior coas Termas de Outariz-, fará o seu percorrido pola rúa Xoán XXIII e a Alameda -onde estará o punto de saída e chegada-.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
DEFICIENCIAS EN LA SEGURIDAD
Primor cierra temporalmente en la rúa do Paseo en Ourense por incumplir la normativa de incendios
COLABORACIÓN CIUDADANA
Localizan al menor de 13 años desaparecido en Ourense
Lo último