Os refuxios da arte de Ourense abren as súas portas

ESTUDOS ABERTOS

Por segundo ano consecutivo, a iniciativa Estudios Abertos abre os talleres dos artistas esta fin de semana, para mostrar a súa obra dun xeito cercano e facer fronte ao peche de museos e a escasa actividade cultural existente na cidade.

Buciños abriu o seu taller con motivo da iniciativa Estudios Abertos.
Buciños abriu o seu taller con motivo da iniciativa Estudios Abertos. | MARTIÑO PINAL

Malia forza que pretende silenciar a cultura en Ourense, a veciñanza segue deixando claro que a arte interesa, e moito. Ducias de persoas achegáronse onte aos lugares de traballo de máis de 30 artistas ourensáns, para desfrutar das obras no seu estado máis puro, sen focos nin vitrinas.

A iniciativa Estudios Abertos -impulsada pola asociación A Maquinadora- arrancou a segunda edición mantendo a súa razón de ser: facer fronte a “unha incompetencia municipal”. Así, ao longo desta fin de semana un total de 19 talleres -dez na cidade e os restantes en distintos puntos da provincia como Xunqueira de Espadañedo, Esgos, Bande, Allariz, Taboadela ou Bobadela- manterán abertas as súas portas para mostrar arte dun xeito próximo.

Oportunidade única

Entre os participantes hai artistas que traballan con todo tipo de materiais facendo pintura, escultura, ilustracións, arte urbana, visual… Comparten convocatoria creadores emerxentes e nomes máis recoñecidos. É o caso de Buciños, que por primeira vez abre as portas do seu refuxio, ofrecendo a oportunidade de coñecer de preto o universo creativo dun mestre da escultura contemporánea galega.

Os máis rápidos xa acudiron onte ata o seu taller en Bobadela, para poder ver de preto o lugar onde nace a súa maxia. Alí puideron descubrir pezas finalizadas, outras que están en proceso e algunha idea que rematou sendo descartada.

Roteiros

Aínda que cada un pode ir pola súa propia conta, a organización desta “feira de arte descentralizada” tamén propón roteiros -gratuítos, pero con prazas limitadas que se poden reservar na web da iniciativa-. Hoxe, sábado 25 de outubro, dous autobuses partirán dende a Alameda. Pola mañá, ás 10,00 horas, o destino será Allariz, onde os viaxeiros visitarán os estudos de Arturo Andrade, Jorge Varela, Jaime Glez e Xabier Varela. Xa pola tarde, ás 16,30 horas, un novo vehículo levará aos interesados a Bobadela e Taboadela para descubrir os talleres de Buciños e Xosé Cid. Como actividade complementaria, neste último estudo haberá unha cata de viños de Martín Códax.

O domingo será o derradeiro día da segunda edición desta iniciativa. Para este día hai organizada unha viaxe ao taller de Mateo Feijóo e Luisa Álvarez, en Bande.

Contenido patrocinado

stats