Unha pedra para lembrar o Camiño da Xeración Nós

CAMIÑAR PARA DESCUBRIR GALICIA

A Ponte Nova sinala desde onte a saída da viaxe que Risco, Otero Pedrayo e outros galeguistas emprenderon cara a Santiago dende a cidade hai cen anos para redescubrir Galicia

Inauguración do monolito
Inauguración do monolito | José Paz

Un marco de pedra marca desde onte na Ponte Nova o punto do que partiu, hai cen anos, o Camiño Nós. O monólito sinala o lugar desde o que saíron cara a Santiago Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Xavier Pardo, Lois Feixóo e Antón Sánchez. Florentino López Cuevillas e Alfonso Vázquez Monxardín incorporáronse despois en Silleda, completando o grupo que fixo daquela peregrinación unha das viaxes simbólicas da cultura galega do século XX.

O acto, impulsado pola Ínsua dos Poetas, completou a colocación dos marcos conmemorativos desta ruta cultural. O seu presidente, Luis González Tosar, defendeu que aquela viaxe non foi “simplemente unha viaxe de pracer” nin unha andaina no sentido actual, senón unha experiencia de estudo. “Eles tiñan un obxectivo: descubrir o propio país”, afirmou, antes de reclamar que o Camiño Nós sexa recoñecido pola administración como itinerario cultural. “Non é un camiño máis de Santiago nin un camiño máis a Santiago”, subliñou.

Para Afonso Vázquez-Monxardín, estudoso da Xeración Nós e neto dun dos participantes naquela aventura, a camiñada debe entenderse no contexto dunha Galicia aínda afastada da mobilidade moderna. “Ir a pé era o normal”, lembra, nun tempo no que había poucos coches e as estradas eran de grava. Pero no caso daqueles galeguistas había tamén unha vontade intelectual: “Eles, como humanistas, tiñan esa vontade de integración e de recoñecemento do territorio”.

A ruta encaixou despois co espírito do Seminario de Estudos Galegos, coas xeiras de catalogación de castros e cos percorridos por Terra de Deza, Terra de Melide ou San Andrés de Teixido. “Mostra esa necesidade que tiñan estes señoritos de coñecer de primeira man un territorio que xa coñecen teoricamente”, explica Monxardín.

O relato chegou ata hoxe grazas ás crónicas de Xavier Pardo en “A Nosa Terra”, aínda que este se baseou nun caderno de viaxe escrito por Risco que nunca apareceu. “Eu andiven buscando esa libreta moito tempo sen éxito”, lamenta Monxardín. A súa ausencia deixa dúbidas e mesmo posibles erros de lectura dalgúns topónimos.

A dimensión familiar atravesa tamén esta historia. O avó de Monxardín foi un daqueles “rapaces” que sostiveron o movemento arredor de Risco ou Otero. “Se son todos grandes figuras e non hai xente que traballe, non se pode montar nada”, afirma.

A pedra da Ponte Nova rescata esa memoria desde o seu punto exacto de partida. Lembra aquela histórica andaina e devolve ao espazo público unha ruta que, cen anos despois, segue falando dunha Galicia que quixo coñecerse a si mesma desde os camiños.

Contenido patrocinado

stats