Unha publicación do Campus explora métodos de aprendizaxe con xogos na Universidade

A publicación imaxina unha Universidade na que cada clase se transforma nun xogo envolvente

Educadora social Paula Rodríguez, autora da publicación.
Educadora social Paula Rodríguez, autora da publicación.

Gamificación educativa e aprendizaxe baseada en xogo na educación universitaria. Teoría e exemplos prácticos. Este é o título dun libro editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo que quere contribuír á mellora do “proceso de ensino-aprendizaxe adaptándose ás esixencias dun mundo cada vez máis dixitalizado e diversificado”.

A publicación está asinada pola educadora social Paula Rodríguez (Universitat de les Illes Balears), Ana Manzano (Universidad de Almería) e José M. Rodríguez (Universidad de Burgos). Recolle a parte final da tese de doutoramento realizada e defendida na Universidade de Vigo dentro do Programa de Equidade e Innovación Educativa por Paula Rodríguez e está vinculada ao proxecto de innovación docente da Universidad de Almería “Aprendizaje-servicio lúdico: elaboración de juegos para la transformación social”.

Portada da publicación
Portada da publicación

Sobre a publicación, o equipo que a realizou apunta nela: “imaxina unha universidade na que cada clase se transforma nun xogo envolvente, onde os estudantes se converten en exploradores de novos coñecementos e os retos académicos adquiren a emoción dunha aventura épica. Este libro traza ese camiño”. Trázao, engaden, “partindo da urxente necesidade de innovar no ensino superior e guiando ao lector polos cimentos teóricos da gamificación e da aprendizaxe baseada en xogos: desde o estado de “flow” e os perfís de xogador ata os principios de “game thinking” e os modelos MDA, Octalysis ou as achegas críticas que cuestionan os seus límites”.

O obxectivo da aprendizaxe baseada en xogos, recolle a publicación, consiste en traballar os conceptos, habilidades e/ou condutas dun xeito intrinsecamente lúdico, logrando así unha maior motivación e diversión para o alumnado.

Contenido patrocinado

stats