Modernización, reforma e posta a punto dos centros educativos

INFRAESTRUTURAS

A Xunta de Galicia destina 3 millóns de euros a 38 obras na provincia, destacando as acometidas no Pereiro de Aguiar

Obras de ampliación do CEIP Ben-Cho-Shey do Pereiro de Aguiar.
Obras de ampliación do CEIP Ben-Cho-Shey do Pereiro de Aguiar. | La Región

A Xunta de Galicia está a investir este verán 3 millóns de euros en obras de modernización e reforma de 38 colexios e institutos da provincia de Ourense. Faino no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a acometer unha renovación sen precedentes nos centros educativos, adaptándós aos necesidades propias do século XXI.

A obra de maior envergadura que se executa este verán é a ampliación do Colexio Plurilingüe Ben-Cho-Shey, no Pereiro de Aguiar, que conta cun orzamento de máis de 1,8 millóns de euros. Trátase dunha actuación que vén completar a realizada en 2013 por 470.000 euros, así como outras melloras sectoriais acometidas no centro (300.000 euros).

A superficie total ampliada é de 1.324 metros cadrados, grazas ao que se crean tanto novos espazos docentes coma para o profesorado, servizos e zonas de lecer. No semisoto créase un patio cuberto para o alumnado de Infantil cun novo núcleo de aseos que dá servizo a esta zona dos espazos exteriores. Na planta baixa incorpórase unha nova aula de Educación Infantil, biblioteca e local para a asociación de nais e pais, mentres que no primeiro andar se habilita unha nova aula de Educación Primaria, tres aulas de desdobre e un Polo Creativo.

A maiores, redistribüese o interior do edificio para mellorar a súa funcionalidade. Isto supón ampliar a área de comedor, os núcleos de aseos das plantas baixa e primeira e o espazo da sala de profesores, así como o traslado do arquivo a un local de maior superficie na planta baixa. Así mesmo, acométense melloras na instalación de extinción de incendios e nos sistemas eléctrico e de ventilación.

No que atinxe ao exterior, habilítase unha pérgola cuberta na zona de acceso para resgardala da choiva.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación ten tamén proxectada a construción do que será o primeiro instituto do Pereiro de Aguiar, que recibirá o nome de IES Padre Feijoo. Cun orzamento de 9,5 millóns de euros, trátase, ademais, do primeiro novo centro construído de cero na provincia de Ourense nos 20 últimos anos.

Isto confirma a aposta do Goberno galego pola ampliación e creación de novos centros e prazas escolares nos concellos con maior dinamismo demográfico, como é o caso deste concello, que linda coa capital da provincia.

Melloras en Sandiás e Ourense

Outra das obras de maior calado este verán é o cambio de cuberta do CEIP de Sandiás, cun orzamento de case 213.000 euros. A nova cubrición é, ao igual que a anterior, de tella cerámica, e inclúe agora un illamento baixo cuberta. Do mesmo xeito, renóvanse os canlóns e as baixantes por uns novos de chapa de aceiro galvanizado.

Tamén no CEIP Virxe de Covadonga, na capital da provincia, se están realizando melloras —neste caso de accesibilidade— coa instalación dun ascensor, o que supón un investimento superior aos 75.000 euros.

Estas tres actuacións concentran un esforzo económico de máis de 2,1 millóns, pero Educación tamén executa no verán obras de pequena e mediana envergadura que se enmarcan no Plan de benestar e accesibilidade na escola, Ben_Estar 2026. Son un total de 35 centros da provincia de Ourense os que se ven beneficiados este ano por estas intervencións, cun orzamento de máis de 842.000 euros.

Trátase de reparacións varias, traballos de pintura, pequenas reformas da instalación eléctrica, de fontanería, saneamento, baños, calefacción, melloras en patios, cambios puntuais de fiestras, portas ou lucernarios, renovación de equipamento de cociña ou adaptación de espazos, entre outras melloras moi importantes para o día a día dos centros.

Este ano intensificáronse, ademais, os traballos tras os temporais do pasado inverno relacionados coas reparacións de cubertas, canlóns ou fachadas.

Máis de 60 millóns de euros desde 2021

O Plan de nova arquitectura pedagóxica, posto en marcha en 2021, inclúe un total de 731 obras na provincia cun investimento total, entre obras rematadas, en execución e comprometidas, de 60,6 millóns de euros. Isto inclúe desde grandes obras de ampliación, como a que se acometeron no Instituto Manuel Chamoso Lamas do Carballiño cun orzamento de case 2,9 millóns de euros e no IES Xesús Ferro Couselo de Ourense por outros preto de 2,7 millóns; ou a que se está a realizar no CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey do Pereiro de Aguiar por case 1,9 millóns. Tamén se ampliaron as instalacións do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense, 995.000 euros), do Centro Integrado de FP de Vilamarín (792.000 euros), do CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía, 355.000 euros) e do CEIP de Prácticas (Ourense, 123.000 euros).

O Plan de nova arquitectura pedagóxica inclúe, así mesmo, grandes obras de rehabilitación integral que teñen como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética dos centros, acadando considerables reducións tanto das emisións de CO2 como do consumo, ao mesmo tempo que fan as instalacións dos centros educativos máis cómodas desde o punto de vista térmico para alumnos, profesores e persoal non docente.

Estas intervencións, que fan dos centros de ensino lugares máis respectuosos co medio ambiente, supoñen renovar cubertas, aplicar illamento térmico nas fachadas, mudar fiestras e portas, renovar falsos teitos ou mudar as luminarias, instalando novos equipos led, máis eficientes desde o punto de vista enerxético.

Na provincia son xa 18 os centros que se beneficiaron deste tipo de reformas, integrais ou sectoriais. As máis salientables foron, na cidade das Burgas, as do IES Eduardo Blanco Amor (1,2 millóns de euros), IES As Lagoas (1,1 millóns) e CEIP Mariñamansa (820.000 euros); así como as do Centro Público Integrado Padrenda-Crespos (663.000 euros), en Padrenda, e a do CEIP Manuel Respino (613.000 euros), na Rúa.

O catálogo de actuacións realizadas nos últimos anos complétase con máis de 600 obras de pequena e mediana envergadura, así como con sete instalacións fotovoltaicas, entre outras.

Contenido patrocinado

stats