O Parque Acuático de Monterrei recibiu preto de 100.000 visitantes este verán

ALZA DAS INSTALACIÓNS

O Complexo Deportivo consolídase como referente turístico e económico para a provincia de Ourense

Vista xeral do Parque Acuático de Monterrei.
Vista xeral do Parque Acuático de Monterrei. | La Región

O Parque Acuático de Monterrei vén de pechar unha tempada estival marcada polo éxito de público, a consolidación do seu impacto económico e o remate dun ambicioso proxecto infraestrutural. Tras varias fases de desenvolvemento e un investimento global que roza os 13 millóns de euros, o complexo reafírmase como un punto de referencia para o ocio familiar e deportivo non só en Ourense, senón en toda Galicia e no norte de Península.

En palabras do xefe de servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez, o balance destes meses é sumamente positivo. “A evolución está sendo moi positiva. Neste verán temos a asistencia de case 95.000 persoas”, salienta o xefe de servizo, poñendo de relevo a clara tendencia á alza da instalación. “Superamos o rexistro do ano pasado, que estaba sobre 75.000 persoas; é dicir, tivemos case 20.000 persoas máis, o cal é unha satisfacción moi grande. Tivemos números moi parecidos ós de hai dous anos, no 2024, que foi o primeiro ano do Parque Acuático. Recuperamos eses números e iso é unha noticia moi boa para todo Ourense”.

Malia que as previsións iniciais apuntaban a superar o limiar dos 100.000 usuarios, con proxeccións estatísticas que rozaban os 115.000, as condicións meteorolóxicas do treito final das vacacións minguaron lixeiramente o cómputo definitivo. “Quedamos ás portas de acadar o obxectivo inicial, pero hai que ter en conta que contra finais de agosto notamos unha baixada importante porque fixo mal tempo, foron 10 días nos que a meteoroloxía non acompañou”, explica Pérez. Con todo, a valoración xeral sitúase por riba do mero balance numérico. “Máis alá dos números, o importante é que a xente saia satisfeita da súa experiencia”.

Dinamización económica

Sendo Ourense a única provincia galega sen litoral, a posta en marcha desta gran superficie acuática converteuse nun estímulo clave durante os meses de calor. O perfil do visitante trascende o ámbito local, atraendo a viaxeiros de comunidades veciñas e do país portugués. “Hai xente que vén doutras comunidades especificamente ao Parque Acuático. Tivemos xente de Asturias, de Castela e León, do norte de Portugal e, por suposto, de toda Galicia.

Iso ten unha repercusión e un impacto económico na hostalaría e en tódolos servizos da provincia”, apunta o xefe de servizo. Ademais, o recinto funciona como un complemento perfecto para quen visita a zona por outros motivos. “Temos detectado visitantes de toda España que veñen a Ourense, non en concreto ao Parque Acuático, pero que o visitan como alternativa de ocio no verán. Ten un impacto tremendo para a provincia”.

Esta conversión de Monterrei nun destino estival tradúcese de xeito directo na creación de emprego local e no movemento económico da comarca. A través da fundación Deporte Galego, a Xunta licita anualmente un contrato de xestión integral do recinto de arredor dun millón de euros, que abrangue desde o mantemento e o socorrismo ata os accesos e, este ano por primeira vez, o servizo de cafetería.

Esta fórmula permitiu a contratación directa de máis de 70 profesionais durante os meses de apertura. “Foron 73 postos de traballo que se xeraron nos tres meses de apertura do parque e a maioría son ourensáns”, salienta Pérez, subliñando ademais que as enquisas de calidade realizadas entre uns 10.000 usuarios outorgan ao servizo unha valoración media de 4,5 sobre 5. “Estamos satisfeitos do grao de satisfacción que a xente reflicte nas enquisas. É un grao moi alto que a nós nos serve para seguir traballando e mellorando”.

Cooperación institucional

O desenvolvemento das instalacións é o froito dun traballo conxunto entre a administración autonómica e a provincial que botou a andar no ano 2020. “A colaboración entre administracións neste caso foi total. Xunta de Galicia e Deputación de Ourense puxeron moito investimento para sacar adiante a obra. Levamos desde o ano 2020 en colaboración constante, entendéndonos perfectamente e dotando o Parque Acuático de orzamento para poñer en marcha as diferentes fases”, lembra o responsable de Deportes da Xunta na provincia.

A culminación deste proxecto supuxo tamén unha notable mellora nos accesos e na loxística de recepción dos usuarios. Ás liñas regulares de autobuses urbanos e interurbanos coordinadas en función das necesidades dos bañistas, somouse este ano un incremento da capacidade de aparcamento grazas á intervención municipal. “Hai unha zona de estacionamento que este ano tamén se ampliou grazas ao Concello do Pereiro de Aguiar, que adquiriu unha parcela próxima. A comunicación con Ourense está dotada con flotas de autobuses nos horarios que nos demandaban os visitantes. É un sitio que está moi ben comunicado”, puntualiza.

Circuito de pumptrack.
Circuito de pumptrack. | La Región

Máis alá do verán, un complexo deportivo activo todo o ano

Coas catro fases do parque acuático e a fase cero de reordenación deportiva practicamente completadas, o xefe de servizo remarca que “o proxecto está finalizado, finalizouse con moito traballo durante seis anos para completar as catro fases do Parque Acuático”. Con este fito xa acadado, a estratexia da Xunta pasa agora por potenciar o uso do Complexo Deportivo de Monterrei durante os meses de outono e inverno.

Aínda que a zona de piscinas e xogos de auga queda condicionada pola climatoloxía, o recinto dispón doutras alternativas públicas e de acceso gratuíto que levan funcionando desde mediados dos anos 80, tales como pistas de pádel, tenis, unha pista polideportiva, un pump track para bicicletas ou unha renovada pista de atletismo que contou cun investimento próximo ao medio millón de euros. Do mesmo xeito, estúdase estender a actividade doutros espazos. “E despois temos a zona de tirolinas, que estamos explorando fórmulas para facer actividades tamén no inverno”.

Esta aposta por ligar a actividade física ao crecemento provincial enmárcase nunha estratexia máis ampla que inclúe outras instalacións de referencia como a pista de atletismo cuberta de Expourense, referente en competicións estatais durante os meses fríos. En palabras de Manuel Pérez, o obxectivo final segue a ser o mesmo, xa que busca dinamizar o territorio e poñer á disposición da cidadanía servizos públicos de calidade que actúen como un motor continuo de desenvolvemento social e económico.

Contenido patrocinado

stats