Adeus a José G. Caseiro, un mestre para a historia
OBITUARIO
Unha homenaxe a José G. Caseiro, mestre e referente pedagóxico en Ourense, que deixou unha profunda pegada en varias xeracións de alumnos e compañeiros.
Aconteceu este domingo día 6 de setembro pola tardiña, que cando o corazón do meu mestre, José G. Caseiro deixou de bater, algo se parou tamén en moitos dos que tivemos a sorte de coñecelo. Durante moitos anos, ese mesmo corazón quixo amar a todas as xerazóns que pasaron polas súas aulas, e foi un referente pedagóxico para esta cidade.
Desde os anos setenta traballou no equipo directivo con Alfredo Cid Rumbao na escola Normal e lembro que algún dos seus compañeiros asistían ás nosas aulas para observar a súas técnicas de ensino. Pasados os anos puiden facer as prácticas da carreira con el e telo como compañeiro na miña primeira etapa como mestre. Foi un grande honor compartir moitas horas de xuntanzas, claustros e coordinacións e observar unha escola que avanzou cara un modelo democrático. Moitos mestres sufriron os cambios mentres que D. José agardábaos con paciencia desde sempre.
D. José González Caseiro era un mestre singular. Un deses que deixa pegada positiva nas vidas dos nenos e das nenas. Para entrar en detalles dediqueille un dos meus primeiros artigos neste xornal La Región o 05/09/2006 e que xa forma parte do libro “Lumieiras esquecidas de Ourense”, publicado pola Deputación de Ourense no ano 2024. Porque penso que todas as homenaxes que lle puidemos facer “de vivo”, así decía Ben-Cho-Shey, foron dabondo ao saber que el apreciaba os xestos máis sinxelos; como un saúdo cordial pola rúa.
A súa cordialidade ten continuidade nos seus fillos Pepe e Rita e na súa dona Teresa que sempre ten presente un sorriso ante calquer circunstancia. E sendo así, non podemos deixar de sorrir co xeito de ensinar que tiña D. José e que logrou que moitas xerazóns amasen as matemáticas e as ciencias. Ser mestra ou mestre é algo diferente a ser profesor, e aínda que teñen moito que ver, e as titulacións actuais eviten esas diferenzas, a D. José non lle importaron nunca. Non supuñan para el un maior ou menor prestixio social que o doutros.
Sabía e decía que a sociedade construíase desde os primeiros anos, amando os nenos e respeitando a súa psicoloxía infantil e os seus ritmos de aprendizaxe. A día día de hoxe as sociedades seguen mudando e a renovación pedagóxica é máis necesaria que noutros tempos, pero se non hai mestres como D. José os resultados non cumprirán as metas propostas. Precisamos mestres con vocación como a que tiña el, que como decía Gabriela Mistral, ensinaba sempre: no patio e na rúa como na aula; ensinaba coa actitude, co xesto e coa palabra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Martes, 8 de septiembre
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este martes, 8 de septiembre
Lo último