Creatividade e memoria no Nadal de Ourense
CONCURSO POSTAIS DE NADAL
A XIII edición do Concurso de Postais de Nadal da Fundación San Rosendo recibiu un total de 96 postais, demostrando que a ilusión é unha ferramenta fundamental para o benestar dos maiores.
O Nadal nos centros da Fundación San Rosendo non se entende sen o tradicional concurso de postais. Este mes de decembro, a XIII edición do certame volveu encher as residencias en lugares de creatividade e ilusión. Cunha participación que abrangue os 70 centros da institución, a Fundación recibiu un total de 96 postais, unha cifra que reflicte a vitalidade dun proxecto que busca fomentar o desenvolvemento das capacidades de motricidade fina e, sobre todo, a reminiscencia emocional. A través de recortes, arxila e cores, os residentes non só decoran os seus fogares, senón que reconectan cos recordos das festas vividas na infancia.
O certame deixou unha listaxe de premiados que percorre toda a xeografía galega, destacando a calidade artística e a mensaxe humana de cada proposta. A residencia para persoas con discapacidade de Santa Cruz de Arrabaldo, alzouse co primeiro premio, seguida pola residencia Nosa Señora do Socorro de Arnoia como finalista. Os accésits foron repartidos entre a Residencia San Antonio de Beariz, o centro Monterrey de Pereiro de Aguiar, a Escola Infantil A Casiña en Ourense, a residencia do Incio en Lugo e o centro de Valverde en Allariz.
Detrás destas cifras e galardóns hai historias de identidade e de orgullo. Na residencia do Socorro de Arnoia, a proposta naceu dunha profunda conexión coa terra do Ribeiro. Mar Fernández Soto, educadora do centro, conta que nesta ocasión buscaron saír do común para render homenaxe á súa contorna. “Pensamos un pouquiño en algo orixinal; entón, representando ao Ribeiro, decantámonos polas cepas facendo o portal cunha delas”. A peza non foi só unha alegoría á viticultura, senón tamén un acto de memoria colectiva sobre un verán difícil. Segundo explica Mar, incorporaron elementos naturais “facendo un guiño aos montes que arderon este verán, que aquí no Ribeiro atacaron bastante, para facer un recordiño”. O resultado foi froito dun esforzo compartido onde cada residente achegou o seu talento. “A colaboración dos avós foi o máis importante; facendo a ganchillo, calceta, outros recortaron... fomos aplicando as súas habilidades”.
Esa mesma ilusión percíbese na Residencia de Beariz, onde a participación tivo nomes propios. Fabiola Dalama, responsable do centro, destaca o protagonismo de Josefa Forte e Diego del Río na confección da obra, subliñando que o proceso foi case integramente autónomo. “O noventa por cento fixeronno eles, foi unha idea en conxunto”. A peza consistiu nunha emotiva escea de Nadal encapsulada nun frasco, onde “os bonecos fixéronos eles con arxila, vestíronos e idearon o deseño”. Para Fabiola, o valor do concurso reside no recoñecemento público ao esforzo dos residentes, tratándose “dun incentivo tamén para o seguinte ano empezar a ver que van planificar, porque ven recoñecido o seu traballo e é un orgullo para transmitir ás familias”.
O Nadal nas residencias é tamén un tempo para xestionar as emocións e a nostalxia. Nos centros trátase de que a alegría da música e as tradicións minimicen a posible tristeza daquelas familias que están lonxe. Mar Fernández comenta que nestas datas tratan de “meter moita música e facer saídas”, como a visita a Ribadavia para ver o alumeado. A tecnoloxía tamén xoga un papel clave e, como “temos xente que ten familia en Venezuela, tratamos de facer videochamadas para que estean máis alegres e que non lles traia só recordos de tristeza”. A vida social intensifícase coa chegada de corais, gaiteiros e veciños do pobo que se achegan a actuar.
En definitiva, esta iniciativa do concurso de postais consegue que a arte se converta nunha ponte cara ao fogar. Como ben resume Fabiola dende Beariz, o propósito é que os residentes “vexan que o Nadal non se perdeu”, mantendo as tradicións que tiñan nas súas casas pero facéndoas agora máis emotivas e compartidas. Entre manualidades, música e turróns, as festas volveron ser unha celebración da vida activa e da memoria colectiva galega para a Fundación San Rosendo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CONCURSO POSTAIS DE NADAL
Creatividade e memoria no Nadal de Ourense
BELENES QUE INSPIRAN MAGIA
La artesanía comarcal se exhibe a través de sus imaginativos belenes
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este lunes, 29 de diciembre
Lo último
Sara Arias Fraiz
DIARIO LEGAL
Rexistro de xornada laboral no 2026
ABSOLUCIÓN JUDICIAL
Absuelto de estafa: no se quedó dinero de su amiga
Miguel Abad Vila
TRIBUNA
Épsilon y la estupidez humana
ÉXITO DE ASISTENCIA
La fe llena la Catedral en la clausura del Año Jubilar