Delfina Rodríguez Fernández: “O temperán cultivo do millo converteu a Celanova nunha das vilas máis poboadas”

ESCRITORA E PROFESORA

A bolesa Delfina Rodríguez, licenciada en Xeografía e Historia, é autora dunha tese publicada pola Deputación no concurso de publicacións 2024

Delfina Rodríguez.
Delfina Rodríguez. | LA REGIÓN

A bolesa Delfina Rodríguez, licenciada en Xeografía e Historia coa cualificación de sobresaliente cum laude, é a autora de “Demografía, familia y reproducción social en tierras de Celanova durante el Antiguo Régimen”, unha tese publicada pola Deputación no concurso de publicacións 2024.

Pregunta. Que lle levou a escoller Celanova para a súa investigación?

Respuesta. Teño unha vinculación emocional e persoal. Nacín e vivín boa parte da miña vida na Bola e estudei no IES de Celanova, pero tamén por razóns académicas, a comarca de Celanova era un espazo moi interesante para investigar nesa época. Quero agradecer a Deputación a posibilidade de ver publicada a tese e a Fundación Curros Enríquez, que posibilitou a colección de postais antigas sobre a vila que se incluiron na publicación.

P. Que se atopará o lector?

R. Analízanse cuestións demográficas, económicas e sociais das terras de Celanova e a súa evolución ao longo da idade moderna (XVI-XIX). Foi interesante estudar como se organizaban as familias para vivir nun espazo tan poboado, cales eran a súas estrategias de supervivencia e a evolución dos niveis de vida. Entre as cuestións máis salientables atópase a fortísima densidade de poboación, tendo en conta a escaseza de poboación no rural celanovés na actualidade. A comezos do século XIX, na maioría das parroquias había uns 150 habitantes por km2. Era das zonas máis poboadas da Galicia interior.

P. A que se debeu?

R. A análise económica mostrou cal era a base de ese forte crecemento da poboación: a introdución do cultivo do millo na agricultura da comarca nunha data moi temperá, nos anos 60 do seculo XVII. A introdución deste cultivo permitiu que se obtiveran uns elevados rendementos agrícolas e favoreceu o crecemento da poboación. O que, ao mesmo tempo, tamén ocasionou un elevado minifundismo e que as explotacións se dividiran e dividiran case ata o infinito. Ese modelo non era sostible ao longo prazo e acabou provocando un fortísimo movemento migratorio. Aínda que era tradicional que os veciños emigrarán cara Castela ás segas, cara ás vendimas a Portugal, cara a Lisboa onde se recompila as rúas onde habitaban.

P. Cal foi o papel do Mosteiro?

R. O traballo céntrase na vida dos campesiños, pero de maneira indirecta hai testemuños que poderían relacionar a temperá introdución do millo na comarca co papel dos monxes. Impulsaron a construción das grandes levadas que levaron a auga dos ríos Tuño ou Ourille a terras non regadas, o cal facilitou o cultivo.

Contenido patrocinado

stats