Os Entroidos do Oriente Ourensán xa lucen diploma

FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO

Manzaneda, Viana e Vilariño celebran en Madrid o recoñecemento a unha tradición ancestral

Amable Fernández, Xosé Merelles, Melisa Macía e Germán García-Ávila na entrega de diplomas en Madrid.
Amable Fernández, Xosé Merelles, Melisa Macía e Germán García-Ávila na entrega de diplomas en Madrid.

O Teatro Real de Madrid converteuse este mércores no escaparate de tradicións únicas de todo o Estado. Alí entregáronse os diplomas que acreditan como Festas de Interese Turístico Nacional a dez celebracións locais, entre elas os Entroidos do Oriente Ourensán, unha das manifestacións culturais máis senlleiras da provincia de Ourense.

Representando aos tres concellos, Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, os seus alcaldes recolleron con orgullo a distinción, froito dunha candidatura conxunta que puxo en valor os elementos comúns dun Entroido que leva séculos marcando a identidade da comarca. Tamén participou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen salientou que este recoñecemento “dá visibilidade a unha das tradicións máis auténticas da nosa provincia e contribúe a diversificar a oferta turística galega ao longo de todo o ano, máis aló dos meses de tempada alta”.

No acto estivo tamén o ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, que presidiu a cerimonia acompañado da secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez. O ministro destacou o salto de calidade que estas declaracións supoñen para os destinos e o seu papel á hora de impulsar un turismo máis sostible, cultural e de interior.

A declaración oficial como Festa de Interese Turístico Nacional chegou en xullo de 2025, pero cada un destes entroidos levaba xa o seu propio camiño de recoñecemento en Galicia: Viana do Bolo en 1999, Manzaneda en 2008 e Vilariño de Conso en 2016. A unión dos tres municipios fixo posible dar agora o salto a nivel estatal.

O fulión, os boteiros de Viana e Vilariño ou as mázcaras de Manzaneda son só algúns dos elementos que dan vida a unhas celebracións que mesturan música, cor e tradición. Trátase dun patrimonio cultural de raíz ancestral, con influencias que se remontan a tempos romanos, celtas ou mesmo grecolatinos, e que se mantén vivo grazas á participación veciñal e á transmisión xeracional.

Galicia, terra de Entroidos

O Entroido é unha das grandes festas galegas. Desde este mesmo ano está recoñecido como Ben de Interese Cultural, ao ser declarado manifestación inmaterial sobranceira de Galicia. Co diploma recollido en Madrid, os Entroidos do Oriente Ourensán únense a outros grandes referentes: o de Verín, tamén de Interese Turístico Nacional, e o de Xinzo de Limia, que ostenta a categoría de Festa de Interese Turístico Internacional desde 2019. Ademais, outros seis entroidos da comunidade contan co recoñecemento de interese autonómico, como os de Cobres, Laza, Maceda, Foz, os Xenerais do Ulla e o Enterro da Sardiña en Marín.

Un logro compartido polos concellos, polas asociacións culturais e, sobre todo, polas veciñas e veciños que manteñen viva unha tradición que vai moito máis alá dunha festa: é unha maneira de entender o territorio, a identidade e a celebración colectiva.

Contenido patrocinado

stats