Carrera San Martiño
Buscador de tiempos

Máis de 1.400 proxectos en Ourense foron asesorados pola Rede de Polos

EMPRENDEMENTO

Máis da metade están impulsados por mulleres en sectores como os servizos, a hostalaría e o comercio

Xornada de emprendemento feminino organizada no Polo de Verín.
Xornada de emprendemento feminino organizada no Polo de Verín. | Xunta de Galicia

A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta continúa a consolidarse como unha ferramenta clave de apoio ás persoas emprendedoras na provincia de Ourense. Os catro polos activos no Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín xa prestaron asesoramento a máis de 1.400 proxectos, dos que se derivou ademais a creación de máis de 150 novas empresas.

A través destes espazos, as persoas que teñen unha idea de negocio ou que buscan consolidar unha actividade xa en funcionamento poden acceder de maneira gratuíta a un acompañamento adaptado ás súas necesidades. Desde o inicio da actividade dos Polos ourensáns, o persoal técnico realizou máis de 5.300 titorías, tanto presenciais como telemáticas.

A análise dos proxectos atendidos permite observar tamén a importante participación das mulleres no ecosistema emprendedor da provincia: máis da metade das iniciativas asesoradas están impulsadas por talento feminino. En canto ás actividades económicas, os servizos representan o 23% dos proxectos, seguidos pola hostalaría cun 16% e o comercio cun 13%.

Entre os servizos prestados nos Polos atópase igualmente o apoio aos procesos de remuda empresarial, que representan o 6% das iniciativas asesoradas. Esta liña pretende facilitar a continuidade de negocios que xa están asentados no territorio, conectando ás persoas que queren transmitir ou alugar unha empresa con aquelas que buscan asumir a súa actividade.

Deste xeito, a Rede contribúe a conservar proxectos empresariais viables, actividade económica e emprego no territorio, ao tempo que ofrece ás persoas emprendedoras unha alternativa fronte aos maiores riscos que pode supoñer iniciar un negocio completamente novo. A estas medidas súmase o Bono remuda, unha das cinco liñas incluídas na orde unificada de axudas para autónomos da Xunta, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o 30 de setembro e conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

A capacidade de dinamización dos Polos ourensáns reflíctese tamén nas máis de 840 actividades desenvolvidas desde a súa posta en funcionamento. Reunións con entidades locais, accións de formación e eventos completan o labor de asesoramento e contribúen a fortalecer as redes de colaboración no territorio.

Impulso ao emprendemento

A Rede de polos forma parte da aposta estratéxica do Goberno galego por apoiar iniciativas que contribúan á innovación e á vertebración do territorio, fixando poboación no rural e poñendo a disposición das persoas emprendedoras todas as ferramentas necesarias para impulsar as oportunidades de negocio e aproveitar os recursos dispoñibles. Nese sentido, é unha das ferramentas clave da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, a través da que se seguirá potenciando o seu labor para identificar oportunidades locais e sectores tractores de cada zona.

Posta en marcha en xuño de 2022, actualmente a Rede conta con 15 oficinas activas espalladas por todo o territorio: tres na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide), cinco na provincia de Lugo (Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos), catro na provincia de Ourense (O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín) e tres na provincia de Pontevedra (Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa).

Desde o inicio, no conxunto de Galicia xa se atenderon máis de 7.100 experiencias de emprendemento, entre as que predomina o sector servizos, seguido do comercio e da hostalaría. Ademais, no total das catro provincias, lévanse realizado máis de 22.300 titorías e máis de 2.800 actividades.

Imaxe panorámica de Muimenta.
Imaxe panorámica de Muimenta. | Xunta de Galicia

Muimenta Viva, un exemplo de innovación rural

A Xunta ten en marcha en Ourense o programa Muimenta Viva, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia que busca activar os novos equipamentos comunitarios da aldea e avanzar cara a un modelo público innovador de emprendemento e dinamización territorial no rural galego.

O proxecto permitirá aproveitar espazos como a praza da Festa, a cociña comunitaria, a vivenda pública e o novo centro social para xerar novas actividades que reforcen a vida comunitaria e atraian oportunidades ao territorio, favorecendo a creación de redes de colaboración entre os diferentes axentes locais.

Ademais, a iniciativa conta cunha persoa que está a realizar unha estadía de seis meses en Muimenta para coordinar as actividades previstas, fortalecer a relación coa comunidade e contribuír á dinamización da aldea. De feito, está a desenvolver un amplo programa de actividades, encontros participativos e residencias temporais de carácter creativo e profesional.

Con isto, a idea é que cada vez máis persoas vexan o rural como un lugar onde vivir, traballar e desenvolver os seus proxectos, tendo en conta os novos contextos de mobilidade laboral e demostrando as oportunidades que ten o rural galego.

Muimenta Viva exemplifica o modelo de desenvolvemento rural polo que aposta a Xunta, baseado na colaboración, a innovación e a creación de oportunidades vinculadas ao territorio, unha iniciativa enmarcada na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio que o Goberno galego está a ultimar xunto cos distintos axentes do ecosistema emprendedor.

De feito, a Rede Ultreia, que xa conta con arredor de 150 entidades adheridas, é unha ferramenta clave para compartir recursos, xerar sinerxías e reforzar o apoio ao emprendemento en toda Galicia.

Esta iniciativa dá continuidade a outras experiencias pioneiras como Fixar, promovida xunto coa Asociación Cultural Sende e integrada polos espazos de Sende (en Lobeira), Anceu Coliving (en Ponte Caldelas) e iSlow (en Laxe), que conta cunha nova edición en marcha para continuar atraendo nómades dixitais ao rural galego.

Contenido patrocinado

stats