Manuel Pardo, delegado de la Xunta en Ourense: “Enfrontamos como sociedade unha situación case bélica polos lumes”
El delegado de la Xunta en Ourense, Manuel Pardo, hace balance de la situación de los incendios forestales que asolan la provincia
Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, coa provincia aínda no nivel 2 de alerta, fai balance do sucedido nestas dúas semanas críticas e lanza unha advertencia: están investigando e darán cos culpables dos incendios forestais.
Pregunta. Como é o balance neste momento?
Respuesta. Apareceu agora un lume en Avión, están a traballar os medios aéreos. Está activo o incendio de Vilariño de Conso e no de Carballeda de Valdeorras-Casaio estanse a concentrar os medios de extinción. O resto están estabilizados.
P. Preocupa o lume de Casaio?
R. Houbo un traballo importante de extinción a noite pasada. É unha zona de orografía complexa, estanse usando os medios aéreos intensamente.
P. O incendio de Larouco é o máis grande da historia de Galicia, máis de 30.000 hectáreas.
R. As circunstancias meteorolóxicas foron determinantes. Tivemos temperaturas moi altas que non baixaban polas noites cunha humidade relativa por debaixo do 10%. Isto fixo que este incendio tivese un comportamento explosivo. En moi pouco tempo, desprazouse a gran velocidade e afectou a unha área importante do territorio. E, de súpeto, comezaron a aparecer moitos lumes noutros lugares á vez.
P. Todo apunta a que os incendios foron intencionados?
R. Non se pode concretar. As circunstancias do lume son complexas e variables. A Policía Xudicial está a facer as investigacións pertinentes para tratar de averiguar cales son as causas. Dende o CECOP traballamos sen descanso cun equipo heteroxéneo procedente de diferentes administracións, compartindo información e traballando coa premisa de salvar vidas humanas, propiedades e, despois, traballar na extinción.
P. Sobre que liñas de investigación se está a traballar respecto aos incendios?
R. Iso é competencia dos corpos e forzas do Estado. Dende o CECOP a nosa prioridade foi gardar a vida dos nosos veciños e agora traballarase en restaurar aqueles bens afectados. Soamente podo dicir que eu vin focos de lume onde carballos ardían perfectamente e os cortalumes foron rebasados. Prendeu en monte perfectamente ordenado.
P. Hai moitos municipios que piden cambios na política forestal. En incendios deste tipo, isto non serviría de nada?
R. Penso que hai que facer unha análise técnica sosegada. Estes lumes foron de sexta xeración. Se o vemos no satélite, son redondos, non son os típicos lumes frontais. Polo tanto, hai que ver os informes para definir cousas. Como dixo o presidente, dende a administración imos dar os apoios oportunos para a reconstrución.
P. Entón que podemos facer para que esta situación non se volva a repetir?
R. Hai que analizar por que se xeran tantos incendios, a causalidade. Ademais hai que ter en conta a propiedade do monte, con moita propiedade privada ou en criterio de man común. E ver todo a través da valoración dos expertos para determinar en que liñas actuar.
P. Os feridos foron fundamentalmente no incendio de Oímbra. Tivo algo de especial para que fora así?
R. Tamén haberá que analizalo. Agora o que estamos a facer é examinar as incidencias que foron xurdindo. Grazas a todo o traballo, non houbo perdas humanas. Os ingresados van evolucionando ben.
P. Moitos concellos denunciaron falta de medios. Esta situación extraordinaria superou o operativo previsto?
R. O operativo estivo á altura das circunstancias. Ten en conta que nos atopamos cuns incendios dunhas dimensións importantes e unha situación en que a temperatura era alta e o vento cambiante. Quero dar recoñecemento a todos os que participaron. Foron días complexos, nos que núcleos que se percibían tranquilos se activaban moi rápido. Procurouse atender a todos os puntos que pediron axuda.
P. Sen a acción dos veciños os danos serían moito más graves?
R. Todas as accións que fagan os veciños deben seguir os criterios e consellos de extinción. Mandáronse avisos a moitas poboacións con recomendacións de confinamento ou de non desprazarse. Todo o que se faga debe ser seguindo as directrices para evitar riscos. Como sociedade enfrontámonos a unha situación case bélica e penso que respostamos á altura do que somos. Fomos quen de garantir a seguridade dos nosos veciños e facer fronte a esta circunstancia.
P. Quería preguntar sobre o detido en Petín, onde houbo unha manifestación de apoio.
R. Non teño datos concretos. Unicamente o que pido é ter respecto pola actuación policial e pola independencia do poder xudicial, que será quen terá que determinar as circunstancias deste acto.
P. No incendio de Chandrexa houbo dificultades por mor da orografía?
R. No momento inicial, o lume estaba nunha zona inaccesible para os medios terrestres, polo que se tirou de aéreos. Tamén hai que coñecer o Macizo Central, hai zonas moi agrestes.
P. Hai unha certa polémica sobre os datos ofrecidos de números de hectáreas. Noutras fontes atópanse datos máis grandes. Por que esta disparidade?
R. En lugares como Copernicus a medida faise en base ao sensor da calor, e as valoracións que se envían dende a Xunta son dende o punto de vista da masa forestal. Ademais, hai que entender que dar datos en tempo real é moi complexo. Medio Rural está a traballar na perimetración das hectáreas definitivas.
P. Os datos que temos agora polo tanto son estimacións?
R. Evidentemente. Estase a traballando para determinar a superficie definitiva. Todos os datos que se achegan son superficies estimadas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Jueves, 26 de marzo
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este jueves, 26 de marzo
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Miércoles, 25 de marzo
Lo último