Ourense estreará 64 novas vivendas públicas en Cambedo de Raia en 2027

NOVAS VIVENDAS

Está a piques de rematarse a estrutura dos catro bloques, cun investimento de máis de 13 millóns de euros

A Xunta avanza na construción das vivendas públicas de Cambedo de Raia.
A Xunta avanza na construción das vivendas públicas de Cambedo de Raia. | La Región

Os novos catro bloques que conforman o complexo de 64 vivendas de promoción pública en Ourense, situadas na praza de Cambedo de Raia, xa son plenamente visibles para toda a cidadanía. A Xunta avanza na materialización destes novos fogares, que se erixen como exemplo do modelo de vivenda pública que promove a Administración autonómica na actualidade e que consta dunha arquitectura que aposta por estándares de máxima calidade, accesibilidade e sostibilidade ambiental.

Este proxecto estratéxico require un esforzo financeiro de gran envergadura, cun investimento total que supera os 13 millóns de euros. Desta contía, 3,2 millóns de euros proceden dos fondos europeos Next Generation, o que confirma o aliñamento desta actuación cos obxectivos de eficiencia e modernización que marca a Unión Europea para as próximas décadas. Os máis de 9,8 millóns restantes son financiados exclusivamente con fondos propios da Xunta de Galicia.

Na actualidade, o cronograma de traballo cumpre os prazos previstos. A fase de cimentación e esqueleto estrutural dos catro bloques atópase nun estado de execución case total, restando unicamente por completar os últimos remates nos forxados de cuberta de dous dos edificios. Esta progresión permite manter a previsión da Xunta de que os novos fogares estean totalmente rematados ao longo do vindeiro ano. Esta actuación inscríbese dentro da folla de ruta do Executivo galego para ampliar o parque público residencial e facilitar o acceso á vivenda da cidadanía.

Adxudicación

Como ocorre coas 4.000 novas vivendas de promoción pública que a administración ten en diversas fases de desenvolvemento por toda Galicia, estes 64 fogares serán adxudicados mediante sorteo público entre as persoas que figuren debidamente inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, garantindo así un proceso baseado na transparencia e na xustiza social.

O deseño arquitectónico, froito do traballo da UTE Müller-Feijoo, foi concibido baixo unha visión humanista onde cada detalle técnico ten como obxectivo último o benestar do residente e a durabilidade do inmoble. Os proxectistas estruturaron o conxunto a partir dunha filosofía integradora de “construír un lugar aberto, onde a luz, o aire e a vida en común formen parte esencial da arquitectura”. A intervención estase realizando nunha parcela adquirida á Sareb, ao rexeitar esta Sociedade a cesión deste solo á Xunta.

Cada un dos catro bloques agrupa 16 vivendas con tipoloxías diversas de 2, 3 e 4 dormitorios, deseñadas para dar resposta ás diferentes necesidades das familias galegas. A intelixencia do deseño reside na súa orientación e morfoloxía, que foron estudadas para realizar un aproveitamento bioclimático óptimo. Grazas a isto, o sol e a ventilación cruzada actúan como sistemas naturais de climatización, aumentando o confort térmico interior e reducindo de xeito drástico a demanda enerxética e as emisións de CO2.

Integración paisaxística

A integración paisaxística e o respecto polo entorno son piares fundamentais desta intervención. O proxecto destaca pola súa capacidade de adaptación á topografía local, aproveitando de xeito intelixente a pendente do terreo para integrar os volumes sen xerar impactos visuais agresivos. Entre os catro edificios, proxectáronse amplos patios axardinados que transforman os espazos intermedios en lugares de alta habitabilidade. Estes espazos verdes, ademais dunha función ornamental, están deseñados para xerar percorridos peonís fluídos e áreas de encontro veciñal que fomenten a convivencia. Durante os meses de verán, estes patios funcionarán como un pulmón térmico, onde a combinación de vexetación, sombras naturais e correntes de aire axudará a paliar as elevadas temperaturas, creando un microclima máis fresco para os residentes.

Finalmente, o acceso aos inmobles foi deseñado como unha prolongación natural da cidade, conectando directamente coa praza Cambedo de Raia a través dun espazo libre que servirá de zona de transición e acollida, con xardíns que proporcionan sombra e frescor desde o primeiro momento. Esta intervención demostra unha nova forma de entender a vivenda pública en Galicia, transcendendo a visión tradicional de ofrecer solucións habitacionais básicas para aspirar a construír comunidade, dotar de nova identidade ao tecido urbano e poñer en valor a vida cotiá das persoas a través dunha arquitectura consciente, estética e funcional.

Actualmente, a Xunta carece de máis solo para poder avanzar na construcción de vivenda pública en Ourense. Por este motivo, ten en marcha o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para poder desenvolver novo solo no ámbito Escorial Vinteún, onde se prevé que poidan construírse 1.435 vivendas, das cales o 80% serán protexidas.

Contenido patrocinado

stats