Ourense no tempo | A Feira do Carballiño, anos 30
LEMBRANZAS
Viaja al pasado con una nueva entrega de Ourense no tempo por Rafael Salgado
Non hai moito falábavos de que, en contra do que se poida pensar, as feiras da provincia hai xa bastante tempo que entraron en declive. Creo lembrar que vos traía á memoria unha conversa do ano 1934 na que se queixaban amargamente do escaso negocio que se despachaba nelas. Non vou desdicirme, porque a dinámica real era esa; porén, ao abrigo dunhas fotografías que atopei estes días, vou intentar trasladarvos a unha das que se considerou rendible por máis anos, e que aínda hoxe permanece activa (con notables diferenzas, vaia por diante).
Na historia queda que a vila do Arenteiro ten unha clara vinculación co Mosteiro de Oseira e, froito do bo facer daqueles monxes, tan pronto como se puido organizouse a feira. E, como sabedes, o polbo foi protagonista dende o primeiro día. Ese é probablemente o único elemento que continúa invariable, xa que, a diferenza destes tempos de asfalto e limpeza (?), o máis pintoresco de antano era ver o 16 e o último día de cada mes como paseaban alegremente, e cun garbo envexable, porcos, cuxos e ata algún capón e galiña. Todo un espectáculo para os sentidos. Hoxe, como vos digo, o polbo é o único que resiste na feira e, se ben xa vén cocido, converteuse na estrela absoluta. Pero non se trata hoxe de recuperar a historia desta feira, senón…
Vou intentar lembrar a aqueles personaxes que no seu día eran a alma da feira carballiñesa, á marxe de que moitos dos habituais de Ourense procuraban non perder a cita. Alí montaba Mario o charlatán o seu vistoso tenderete. Cunha labia esgotábel e un don de xentes case teatral, ofrecía as cotizadas mantas zamoranas —”unha por cama, e pra toda a vida”— ou vendía as famosas e afiadas coitelas de afeitar da marca Iberia, indispensables pra o aseo masculino da época. Entre supostos agasallos xenerosos e chistes varios, gañaba o público e liquidaba toda a mercadoría nun abrir e pechar de ollos.
Nun recanto non moi afastado, situábase Remy, unha muller de recursos escénicos que se dedicaba á venda do seu milagroso bálsamo de serpe. Coa súa labia magnética, lograba atraer ao seu redor a unha audiencia fiel e barullenta que ela mesma bautizaba con retranca como “a banda do moco”. Así chamaba, cun cariño non exento de ironía, aos numerosos rapaces que a rodeaban fascinados e ansiosos por albiscar os réptiles que custodiaba vivos no interior da súa bolsa de tea.
Xunto a estes feirantes itinerantes, os que xamais faltaban á cita eran os propios profesionais e artesáns da vila. Eran aqueles que a diario ofrecían os seus servizos regulares aos residentes locais, pero que nesa xornada festiva andaban á caza e captura dos clientes que baixaban desde os pobos da montaña e as aldeas circundantes, dispostos a gastar os cartos.
Victorio foi un personaxe moi querido na vila, deses que demostraban que vencer a adversidade só é posible con coraxe, e que renderse é de covardes. Era cego e desde cativo dedicárase á venda de prensa, voceando as noticias que lle recomendaban os seus amigos como as máis impactantes para quentar a venda. Tan pronto como puido, pasouse tamén á lotaría: “Léveme un décimo, señor, mire que lle dou o gordo”. Victorio, a pesar da súa cegueira, pateaba a vila enteira. Desde o balneario á praza víaselle camiñar con tal soltura que semellaba que desfrutaba dunha vista de bicho, cando só o seu porrete (garrote) o guiaba.
Contan del unha anécdota tan entrañable como amarga: unha mañá, un forasteiro achegouse a pedirlle un décimo. El deullo, pero ao momento, escusándose en que non lle gustaba o número, o tipo devolveullo e reclamou os cartos. Realmente, o que lle colou era un que o cliente levaba desde facía tempo na carteira e que pensaba que non tiña premio. Cousas do “karma”, a fortuna quixo que, ao recoller o papel, Victorio —que de parvo non tiña un pelo— o comprobara: habíanlle soplado un billete cun premio de 8 duros da época!, caralliño!
Outro habitual, sobre todo nos meses de bo tempo, era Polainas, un home serio que ofrecía os seus servizos como tosquiador e que, segundo os meus datos, era dos pouquísimos que exercían o oficio en toda a provincia. Era un traballo de lombo dobrado; non existían as tosquiadoras eléctricas e había que facelo todo a golpe de boneca. No caso de Polainas, tiña fama de ser mellor afiador que moitos dos que andaban coa roda, e é que as súas ferramentas tiñan que cortar un pelo no aire.
O caso é que os afiadores eran praga na feira; nalgunha cita chegáronse a contar máis de media ducia de atarazanas. E facían falta, non crean: as tesoiras das polbeiras profesionais das que había varias na vila e nos seus arredores..., pero os foráneos tampouco perdían a viaxe. E por se fose pouca a competencia, non era raro tropezar no campo da feira cos compoñedores de paraugas. Moitos non o lembran, pero bastantes afiadores, entre as súas múltiples habilidades, tamén remendaban paraugas e atrevíanse co case esquecido arte de arranxar olas e tarteiras. Imaxinádesvos hoxe intentando remendar unha tarteira? Como non lle poñas plastilina ou silicona...!
E pra o final deixei aos que non podían faltar, os que non tiñan nome —ou si?—, pero nin eles mesmos o lembraban. Algúns chamábanos “capitalistas”, quizais porque intentaban vivir do capital alleo. Pero bromas a un lado, eran personaxes que, na maioría dos casos, considero entrañables. Normalmente cargaban ás súas costas con historias moi duras que os guindaran á intemperie. Certo é que tamén había lambóns e pillabáns que, ás veces por simpatía, outras por pura pena e moitas por teren unha cara de cemento armado, pretendían vivir do conto.
Na vila do Arenteiro estaban os auténticos da casa, pero non era raro ver eses días a outros de paso que, pra que negalo, tamén lle daban cor e vida á feira. Pra outro día queda lembrar os que faltan: barbeiros dos de “mova o coio”, “dentistas”, a da sorte do paxariño, fotógrafos minuteiros… E moitos máis que, por desgraza, tamén viñan de fóra: trileiros, estafadores, carteiristas e demais artistas da subtracción. Pero deses, mellor non falar..
“Pra pan, carne e viño: O Carballiño”, e se non, que llo pregunten o Pagán.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este viernes, 16 de octubre
EPICENTRO EN PONFERRADA
Un intenso terremoto de magnitud 4,2 sacude el Ourense oriental
Lo último