Unha Primavera de Portas Abertas para promocionar os viños galegos

PATROCINADO

Durante as fins de semana de maio, as denominacións de orixe ofrecen visitas guiadas e gratuítas ás súas adegas

Publicado: 02 may 2025 - 10:40 Actualizado: 02 may 2025 - 10:41

As Rutas dos Viños fomentan o enoturismo e relacionan a actividade vitivinícola co patrimonio da zona.
As Rutas dos Viños fomentan o enoturismo e relacionan a actividade vitivinícola co patrimonio da zona.

Na súa aposta polo enoturismo e as propostas singulares e auténticas, Turismo de Galicia celebra unha nova edición da iniciativa Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, sumando así un total de 14 edicións dunha proposta organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños das cinco Denominacións de Orixe galegas: Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro e Ribeira Sacra.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou recentemente na presentación do programa destas citas, na que cada unha das denominacións vitivinícolas será protagonista nunha das fins de semana de maio. Así, a Ruta do Viño de Monterrei será a encargada de inaugurar o calendario esta fin de semana (entre o 2 e o 4 de maio), mentres que a de Valdeorras o fará do 9 ao 11. As adegas das Rías Baixas centrarán o interese entre o 16 e o 18. A Ruta do Viño de Ribeira Sacra percorrerase do 23 ao 25. E pecha esta relación de citas coa cultura dos viños galegos a Ruta do Viño O Ribeiro, con actividades 30 e 31 de maio e 1 de xuño.

Nesas datas, as persoas que se acheguen a cada destino poderán coñecer as 62 adegas participantes, a través das visitas guiadas e gratuítas ás instalacións. Ademais, hai distintas propostas de actividades, como catas e degustacións, visitas a museos e centros de interpretación relacionados coa viticultura, rutas históricas ou pola natureza, paseos en barco, obradoiros, concertos etc. Repiten os Buses do Viño, con 35 itinerarios en total e saídas desde Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Ponferrada. A programación completa está dispoñible a través da páxina de Turismo.gal.

Enoturismo

Durante a súa intervención na presentación das Rutas, Xosé Merelles salientou que “o turismo enolóxico constitúe un dos eixos de traballo claves para Turismo de Galicia no que respecta á diversificación da oferta do destino” na medida en que inclúe actividades en distintas localidades da Comunidade. Ademais, destacou que o gasto medio diario asociado ao turismo gastronómico para 2023 cifrábase en 112,5 euros, o segundo que máis inversión involucra.

Neste sentido, destacou ademais, que Turismo de Galicia está a implementar o Plan territorial de sostenibilidade turística de enogastronomía de Galicia 2023-2025, dotado con 34,5 millóns de euros, que ten como obxectivo posicionar a rexión como destino enogastronómico de primeiro nivel. Neste contémplanse 11 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, algúns dos que, precisamente, están ligados a municipios pertencentes ás distintas denominacións de orixe de viños, como o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria, o PSTD Ribeiro – O Carballiño, ou o PSTD Condado Paradanta Destino Enogastronómico.

Ademais, “a Estratexia de Turismo de Galicia 2030 contempla o enoturismo como unha ferramenta a través da que articular propostas diferenciais”, avogando pola colaboración e a acción coordinada coas cinco rutas do viño de Galicia para reforzar a xeración de experiencias turísticas.

A mesma Estratexia fai da desestacionalización da demanda un dos obxectivos da Xunta, ao que apunta a organización da Primavera de Portas Abertas en maio. En 2024, este mes experimentou un incremento do 15,1% no número de visitantes con respecto ao mesmo mes de 2023, a maior suba rexistrada en todo ese ano.

Primavera de portas abertas.
Primavera de portas abertas.

Amplo programa de actividades complementarias

Máis de 60 adegas participan nesta XIV edición das Rutas do Viño na que os propios espazos tamén se suman á programación con obradoiros, concertos, catas, visitas culturais, rutas de sendeirismo, paseos en barca, descontos en aloxamentos ou actividades de natureza para complementar o sabor dos seus viños con experiencias para os visitantes. Do mesmo xeito, as entidades locais e organismos de cada unha das áreas das denominacións de orixe propoñen iniciativas coas que achegarse ó seu patrimonio natural, arqueolóxico e patrimonial.

A oferta complétase en colaboración cos establecementos hosteleiros, que elaboran menús concibidos especialmente para esta ocasión, harmonizados con viños de cadansúa Denominación de Orixe.

Cómpre salientar tamén os concursos que terá lugar nas redes sociais de Turismo de Galicia. Serán tres por cada Ruta do Viño, nos que se sortearán en total 15 premios consistentes no aloxamento da noite do sábado para dúas persoas en cuarto dobre nun dos establecementos asociados participantes máis o xantar do domingo nun restaurante socio da Ruta.

Contenido patrocinado

stats