BORRASCA LEONARDO
El Miño multiplica su caudal

A Verbena do Rella volve á praza de San Andrés

VILAVIDAL

Ramirás acollerá obradoiros, xogos e música tradicional tarde-noite do día 5. Xúa e De pé feito, Unto Vello, Argalleiros, Ardentía, Os Biruxes, Os Faiscas da Pontraga, A Ponte Vella e O Fiadeiro lideran o cartel

Un momento da actuación de Rebulir o ano pasado na verbena en Penosiños.
Un momento da actuación de Rebulir o ano pasado na verbena en Penosiños. | ARCHIVO.

A Praza de San Andrés, en Vilavidal (Ramirás) volverá a acoller este ano a Verbena do Rella na xornada do sábado día 5 de xullo. A celebración, que organiza a asociación cultural Rebulir e que o ano pasado tivo lugar en Penosiños, contará con obradoiros, xogos tradicionais, animación de rúa e moita música e baile tradicional cun cartel protagonizado por Xúa e De pé feito, Unto Vello, Argalleiros, Ardentía, Os Biruxes e Os Faiscas da Pontraga, e as charangas A Ponte Vella e O Fiadeiro.

Os actos comezarán da man de Ismael Rodríguez, ás 17,30 horas, cun obradoiro de iniciación ao baile tradicional. Media hora máis tarde chegarán os xogos tradicionais da man do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e, a animación de rúa con Rebulir. Ás 19,30 horas está previsto o encontro de escolas coa participación de Lembranza Solpor de Celanova, do Irixo e os anfitrións de Rebulir. A partir das nove da noite comezarán os concertos na praza, onde tamén haberá postos de comida e bebida que incluirán a venda de racións de churrasco, empanada, doces e viandas. A verbena rematará cunha foliada aberta a partir das 2,00 horas.

Xira e premios

A verbena do Rella marcará o fin do curso e o inicio do verán para os seus integrantes, que en agosto viaxarán ata Azores para participar na 39º edición do festival Folk Azores.

En clave galega, ata o 3 de xullo está aberto o prazo para a presentación de candidaturas aos Premios Rebulir da Cultura Galega 2025. Un certame que tiña tres categorías (música galega, artes escénicas/patrimonio e homenaxe) ás que se lle sumará este ano unha mención especial Rogelio García Yáñez para un colectivo de fóra de Galicia. A entrega dos premios será en decembro no Festival Internacional Rebulir.

Contenido patrocinado

stats