De Ourense a Sevilla con gaitas para a Macarena

CULTURA GALEGA

Os veciños de Río e Larouco levan a cultura galega ata Sevilla nun encontro coa Hermandad da Macarena

Excursión de Río e Larouco en Sevilla.
Excursión de Río e Larouco en Sevilla. | CONCELLODE SAN XOÁN DE RÍO

Os veciños de Río e Larouco cambiaron estes días as paisaxes ourensás polas rúas de Sevilla nunha excursión que tivo como un dos seus momentos máis especiais o encontro coa Hermandad de la Macarena. A viaxe, que remataba este martes, permitiu aos participantes coñecer a cidade andaluza e compartir con ela unha parte da cultura e das tradicións galegas.

O acto central tivo lugar este sábado, 21 de novembro, coa peregrinación á Basílica de Santa María de la Esperanza Macarena, na que tamén participaron veciños de Manzaneda e O Bolo —ante as prazas libres existentes—. Alí, as gaitas galegas acompañaron a coral polifónica da confraría na interpretación do Himno á Esperanza Macarena, nun encontro que reuniu a música galega e sevillana.

A celebración trasladouse posteriormente á praza da Esperanza Macarena, onde unha foliada con gaitas, percusión, pandeireteiras e baile tradicional puxo o toque galego á xornada.

A excursión, organizada no marco do programa #EnRede, Participación e liderado feminino, incluíu tamén un percorrido guiado por Sevilla, con visitas á catedral, á Xiralda e ao barrio de Triana.

Ademais de coñecer algúns dos lugares máis emblemáticos da cidade, nesta viaxe de convivencia, os participantes aproveitaron a ocasión para convidar os sevillanos e o conxunto de Andalucía a visitar Galicia con motivo do Xacobeo 2027.

Contenido patrocinado

stats