A auga da Limia tórnase vermella en Sarreaus
O "PRESTIGE" DA LIMIA
O vertido procede dunha embarcación na antiga expotación de Feldespatos Sarreaus
O “Prestige” da Limia é o nome que recibe o barco abandonado na explotación areeira que se atopa no Concello de Sarreaus, Feldespatos Sarreaus, enclavado na Lagoa de Antela. Este barco é un residuo dos traballos que cesaron hai máis dunha década tras a morte dun traballador.
O barco contiña preto de 5.000 litros de combustible no seu depósito, parcialmente afundido, e que segundo advertían os veciños e diferentes grupos políticos, era cuestión de tempo que acabaran na auga, e polo tanto, filtrándose ao acuífero da Limia xa que a capa inferior do charca é area “que non filtra nada”.
E así foi, onte pola tarde un veciño da zona notificou unha cor vermella intensa no corpo acuático no que se atopa esta embarcación, apuntando aos 5.000 litros de combustible -aínda sen confirmar-, dándolle aviso á Garda Civil que se achegou para facer o debido informe da situación.
A Xunta de Galicia informa que dende a Dirección Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en Ourense se desprazaron á zona axentes ambientais para facer o correspondente informe da situación “de cara a adoptar as decisións oportunas”, incidindo en que “darase traslado da acta á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), dependente do Goberno central, dado que a lagoa está dentro do seu ámbito de actuación e das súas competencias de xestión dos recursos hídricos”.
Ao peche desta edición, non se obtivo resposta da CHMS.
BNG
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) levou esta situación ao Parlamento galego o pasado mes de agosto, cando denunciaban o grave deterioro ambiental debido á contaminación que leva producida esta embarcación ao longo do tempo e a falta de medidas efectivas para por fin ao verquido.
Onte o BNG volveu denunciar esta situación, e o portavoz na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, advertiu desde a charca de Feldespatos que “se cumpriu o prognóstico que faciamos xa no mes de agosto”, ao observarse un cambio significativo na cor da auga que indica que o material contaminante do interior da embarcación está a liberarse ao medio de forma masiva.
“Descoñecemos de quen é a responsabilidade directa, pero alguén terá que asumila e tomar medidas de maneira inmediata”, subliñou Varela.
O portavoz provincial advertiu tamén de que non actuar supón deixar a resolución do problema “en mans da propia natureza”, unha opción que cualificou de inaceptable, e anunciou que o BNG volverá levar esta cuestión ás institucións galegas e ao Estado para que se determine quen ten a responsabilidade de actuar e se deteña de inmediato a vertedura.
O portavoz municipal do BNG en Sarreaus, Agustín Martínez, lembrou que esta situación foi advertida reiteradamente no Concello. “Avisouse unha e outra vez ao alcalde de que había que facer algo. Recoñeceuse o problema, pero non se fixo absolutamente nada, porque non facer nada é o traballo máis livián”, denunciou o portavoz.
Varela cualificou de “lamentable” que, tras dúas décadas de abandono do barco afundido, e despois de reiteradas advertencias do BNG a nivel local, provincial e autonómico, non se actuase a tempo para evitar esta situación.
“Agora falamos de actuacións moito máis custosas, tanto desde o punto de vista ambiental como económico, fronte ao que tería suposto intervir cando se alertou”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
POSIBLE CONTAMINACIÓN
Axentes ambientais recolleron mostras do vertido na lagoa de Antela, en Sarreaus
O "PRESTIGE" DA LIMIA
A auga da Limia tórnase vermella en Sarreaus
COIDADO DOS MAIORES
O proxecto Coblages apoiase no traballo do CDR O Viso
Lo último