“Cinephilia” chega ós 300 programas coma un referente do audiovisual

O programa Cinephilia non interrumpiu a súa programación nin no confinamento do ano 2020

Simone Saibene celebra un dos Mestre Mateo que gañou “Cinephilia” neste anos.
Simone Saibene celebra un dos Mestre Mateo que gañou “Cinephilia” neste anos.

Cinephilia leva xa 300 programas e seis tempadas. Empezou a súa emisión a finais de setembro de 2019 e tivo sempre unha continuidade, non interrumpiu a súa programación tampouco durante o confinamento do ano 2020. Neste programa especial número 300, Simone Saibene fará un “amarcord” na historia do programa, facendo un percorrido detrás das cámaras do plató, contando onde e como nace “Cinephilia”.

Lembrará algún momento especial e compartirá anécdotas. Moitos profesionais do audiovisual como Alfonso Pato, Isabel Blanco, Nerea Barros, Pablo Fontenla, Alfonso Míguez, Carmen Méndez, Marta Doviro, Carlos Prado, Alfonso Zarauza, Alba Gallego, Fernando Tato, Suso López ou Sabela Hermida, entre outros, enviaron os seus parabéns uníndose ás celebracións deste programa especial onde ademais se emitirá un making of dirixido polo premiado realizador e director de fotografía Jairo Iglesias. Un programa especial e emotivo que lembra o camiño percorrido nestes seis anos.

Cinephilia é unha fiestra importante do audiovisual galego, ademais de ser o espazo dos profesionais galegos que dá a coñecer ao público os proxectos que se desenvolven en Galicia e os profesionais que forman parte da obra de arte colectiva que é o cinema. A través do programa, os espectadores poden coñecer o traballo audiovisual que se está a facer na comunidade autónoma. En todos estes anos Cinephilia foi medrando.

Estivo presente en rodaxes e estreas, viaxou a festivais, estivo presentes na Berlinale, San Sebastián, Melgaço, no Fest de Espiño, en distintos festivais galegos, ao igual que en numerosos eventos onde se celebraba o éxito do noso cinema. En cada nova tempada, sempre chegaron novidades, como as “preguntas cinephilas” no 2023, ou no 2024, cando se inaugurou o espazo “Enfoca” dedicado á formación profesional e que contou aspectos menos coñecidos do audiovisual como a distribución. Nesta última tempada o programa estreou unha axenda de festivais galegos e un espazo dedicado ás principais localizacións de interese cinematográfico de Ourense.

Un espazo moi premiado

O programa gañou dous premios Mestre Mateo no 2021 e 2023, e distintas nominacións dirixidas a Simone Saibene como comunicador e realizador, ademais de recibir o Premio Crea á mellor realización no 2022, impoñéndose a outras produccións que contaban con máis orzamento ou persoal. Cinephilia é un programa cultural semanal dedicado ao cinema conducido por Simone Saibene e producido por Noveolas Producciones e Telemiño. Emítese en Telemiño en Ourense e provincia, e a través de R Televisión en toda Galicia. Cada programa ten unha duración aproximada de 25 minutos. Todos os programas, desde a primeira tempada, pódense ver desde a nova páxina web de Telemiño.

Contenido patrocinado

stats