ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 4 de febrero
ACTIVISIMO AMBIENTAL
Se algo teñen en común as paixóns de Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980) é a enerxía que requiren. “Non é o máis habitual pasar de dez anos de deputado a un compromiso cos espazos naturais, coa montaña, coas grandes zonas polares… é unha decisión persoal e tamén profesional”. O seu vencellamento coa natureza, máis concretamente coas zonas montañosas do planeta, é algo “inherente á miña biografía. Sempre tiven moita proximidade coa montaña. De feito, unha das miñas fillas naceu no Valle de Aosta, nos Alpes, e outra na Patagonia”, lembra. Tras varios anos adicados á voráxine da vida política, está neste momento centrado no activismo ambiental. “Agora estou moi enfocado na militancia ambiental para tratar de poñer en valor estes ecosistemas, tamén como forma de vida”.
O pasado mes de marzo aventurouse a cruzar o lago Inari, ao norte do Círculo Polar Ártico, unha travesía de 100 quilómetros abrazada por unha paisaxe branca con temperaturas extremas. “Eu mesmo non cría que puidera durmir a -45 graos, pero se tes o material e aplicas as técnicas axeitadas, podes facelo perfectamente. Ata conseguín durmir nove horas diarias, cousas que se estou na miña casa na Coruña é imposible”, bromea Gómez-Reino.
"Hai que escoitar a sabedoría dos pobos que levan enfrontándose a ese clima durante séculos: como se abrigan, o que comen, o que producen"
É nos espazos máis inhóspitos onde o cambio climático se atopa máis avanzado, e precisamente “é onde nos xogamos o futuro da vida humana na Terra. A poboación sami, coñecida polo pastoreo de renos, está tendo xa enormes dificultades. Téndese a banalizar con esta problemática. Están os que din, ‘dentro de 30 anos conseguirase plantar oliveiras no norte de Europa’, pero pérdese a biodiversidade. Hai que escoitar a sabedoría dos pobos que levan enfrontándose a ese clima durante séculos: como se abrigan, o que comen, o que producen”.
Agora acaba de chegar doutra travesía de doce días polo norte de Finlandia, nesta ocasión polo parque natural de Urho Kekkonen, para despois descender o río Ivaro. “Estivemos facendo ‘packcraft’: levas a canoa hinchable para os tramos nos que tes que cruzar un río ou un lago. Cando toca camiñar, desmóntala e gárdala na mochila”, explica. “Puxemos en práctica o que lle chaman ‘wilderness’, esa capacidade de resistencia en escenarios naturais moi adversos co material imprescindible: durmindo en tendas de campaña ao aire libre, bebendo auga do río…”.
Para seguir desfrutando dos distintos e diversos espazos naturais que ofrece o planeta, “é fundamental promover unha forma de turismo máis sostible. Para que o planeta siga existinto tal como o coñecemos hai que coidalo e defendelo, pero tamén dar a coñecer estes lugares únicos”.
Tras a extraordinaria experiencia nestes espazos senlleiros do noso planeta, pensa xa Antón Gómez-Reino en plans de futuro co medio ambiente no centro e, un deles, tamén con Galicia. “Queremos conectar Fisterra co Cabo Norte, en Noruega, popularmente coñecidos como os puntos máis ao oeste e norte do continente europeo”, revela. A ruta comezaría no país nórdico percorrendo o Camiño de Olaf, unha coñecida ruta de peregrinación protestante, para despois viaxar en barco ata o comezo do Camiño de Fisterra ata Santiago. “Son proxectos cos que buscamos concienciar, practicando un turismo co menor impacto ambiental posible”.
Non é a única idea que ronda pola cabeza de Antón Gómez-Reino, que traballa tamén na composición de dous libros. Un deles, “que se titulará ‘Geopolítica de las montañas”, é un traballo propio cuxo fin é “dar a entender á xente ata que punto a xeografía determina a política e o día a día dos territorios e dos pobos. Por poñer un exemplo, a Península Ibérica seguramente tería sido invadida máis veces ao longo da historia se non chega a ser pola barreira natural que supoñen os Pirineos. As montañas influíron na conformación histórica do mundo e, moi importante, van influír tamén no noso futuro”. Por outra banda, participa tamén nunha obra colaborativa que busca trazar tanto as oportunidades que ofrecen os ecosistemas de montaña como a problemática que supón a súa perda: “É absolutamente fundamental conservalos”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 4 de febrero
ARTE URBANO
As Mouras, mejor mural del mundo
Lo último