🏀 DIRECTO
Fuenlabrada-COB

Obituario | Augusto Valencia, un axitador cultural urbano

Augusto Valencia.
Augusto Valencia.

Quen mellor que o dicionario da Real Academia Galega vai indicar que significa "Augusto": Que inspira respecto e veneración pola súa grandeza, excelencia ou dignidade. Todas estas características éranlle propias a Augusto Valencia Teijeiro, que nos deixou físicamente onte.

O poeta Víctor Campio consideraba que Augusto era un axitador cultural urbano. Augusto de "Proa" (Autoescola), Augusto "pasante" ao seu xeito de pintores que empezaban -Xaime Quessada, Vidal Souto, Alexandro...- e logo consagrados, Augusto do Ateneo e do Liceo... Augusto, amigo dos seus amigos.

Pero Augusto tamén foi un home comprometido coa realidade na que vivía. En 1971 afiliouse ao PCE e nese ano tamén tipo que pasar polo TOP (Tribunal de Orden Público) acusado, xunto a outros compañeiros, de "delito de asociación ilícita" e "propaganda ilegal". Cando había que estar nun sitio para reivindicar a liberdade, alí estaba. Cando había que colaborar económicamente, tamén. Tardabas máis en pedirlle axuda que el a dera.

Tamén hai un Augusto viaxeiro. Cando estabas con el sempre recordaba unas viaxes feitas "daquel xeito" á Unión Soviética e a outros países do Telón de Aceiro, sobre todo anécdotas vividas cun amigo común con quen seguro estará xa parolando, como era Pastor Fábrega.

Á reunión seguro uniranse Quessada, Camilo de Dios, Clemente Jiménez, Cuca Tovar, Anselmo L. Morais... e moitos máis amigos que marcharon antes que el. Dotado dun gran sentido do humor, era quen de conseguir que o seu interlocutor, nun momento malo, botara un sorriso polas súas rápidas, ocorrentes frases e certeiras. Seguro que tiña tamén que dicir algo desta a súa derradeira viaxe.

Augusto Valencia Teijeiro deixou esta terra, mais Augusto seguirá nos corazóns de todas as persoas que tivemos a sorte de contar coa súa amizade.

Unha aperta para as súas dúas fillas e para o resto da familia.

Loitador contra a inxustiza

Acaba de morrer, aos 94 anos, Augusto Valencia. Era unha persoa moi coñecida e querida en toda a cidade de Ourense. Era un home de gran simpatía e sentido do humor. Militante do Partido Comunista de Galicia desde os anos 60. En 1970 foi detido co comité provincial do partido, por axudar aos campesiños na súa loita polo "Non Pagar" a cota empresarial agraria. Estiveron detidos con el Antonio Estévez, Sergio Sandoval, os exguerrilleiros Camilo de Dios e Antonio Pérez Barreiros, Carlos Barros e Manuel Peña-Rey. Estiveron detidos durante sete días porque había un estado de excepción. De aí pasaron ao cárcere. E foron procesados polo Tribunal de Orde Pública.

A Augusto pedíanlle dez anos de cárcere. O xuízo celebrouse en Madrid uns anos despois. Presidiuno Mateu. Entre os avogados defensores estaban Cristina Almeida, José Luis Núñez, Alfonso Pazos, Alfonso Álvarez Gándara e Nemesio Barja. A sala estaba abarrotada, sobre todo con estudantes universitarios da Universidade de Madrid, convocados polos delegados Willi Meyer, Carlos Dafonte e José Manuel García Iglesias, camaradas do partido. O Tribunal absolveu a todos os procesados.

Augusto vivía desde hai uns anos nunha residencia de maiores.

Descansa en Paz. Os teus camaradas non che esquecen.

Partido Comunista de Galicia

Contenido patrocinado

stats