A deportista Antía Pérez, un referente para os estudantes de Verín e comarca

MUNDIALISTA DE LAZA

A xogadora profesional de fútbol sala Antía Pérez foi a persoa homenaxeada este ano polo seu antigo instituto, o Castro de Baronceli de Verín, con motivo da súa XVIII Romaría das Letras

A xogadora profesional de fútbol sala Antía Pérez.
A xogadora profesional de fútbol sala Antía Pérez. | Óscar Pinal

A “Romaría das Letras” que celebra cada ano o instituto verinense Castro de Baronceli co gallo do Día das Letras Galegas acadou este luns a maioría de idade simbólica cunha 18º edición que presumiu do compromiso deste centro coa lingua, pero tamén coas figuras que contribuíu a formar como estudantes e como persoas. Nese senso, ano tras ano rende tributo a un persoeiro da comarca, ao que dedica un aula ou espazo. A homenaxeada deste vez foi a exalumna lazá Antía Pérez, xogadora profesional de fútbol sala que agora dá nome ao ximnasio.

Pero antes de desvelar a placa na porta do recinto, a directora Benita Pérez leu un fermoso discurso ante a deportista e seu pai xunto con todo o alumnado e profesorado, no que repasou a súa carreira e galardóns no fútbol sala, sen esquecer os sacrificios que realizou para chegar á cúspide do seu deporte. “A túa traxectoria deportiva foi un vieiro de superación, non todo foi un camiño de rosas. Sei que tiveches graves lesións, pero iso só foi un alicente para converterte nunha das mellores xogadoras de España e do mundo. Para nós tamén es moi valiosa, Antía. Este é o teu ximnasio e esta, a túa casa”, concluíu a responsable, espertando un aplauso unánime.

A futbolista Antía Pérez -centro-, visiblemente emocionada durante o tributo que lle rendeu onte o seu antigo instituto.
A futbolista Antía Pérez -centro-, visiblemente emocionada durante o tributo que lle rendeu onte o seu antigo instituto. | C.L.M.

Antía contestou a continuación ás preguntas dos estudantes, que quixeron saber máis dunha deportista á que non só consideran “referente” deportiva, senón tamén de “igualdade” polo seu labor a prol da visibilidade nun mundo moi masculinizado. Ademais, deu unha entrevista á radio escolar e mesmo xogou un partido no pavillón.

A xornada completouse coa tradicional gala músico-literaria no comedor do centro, que vén reclamando dende a súa inauguración en 1999 ter un salón de actos. A comunidade educativa desfrutou no exterior do xantar, coa sobremesa da elaboración dun caligrama dedicado a Begoña Caamaño, xogos populares, obradoiros de baile da man do coreógrafo Artur Puga e partidos de artzikirol, un deporte inclusivo creado no País Vasco.

Antía Pérez: “Cada vez que podo escapo a Laza para estar coa miña xente”

Antía Pérez, xunto co seu pai, no ximnasio que leva agora o seu nome.
Antía Pérez, xunto co seu pai, no ximnasio que leva agora o seu nome. | C.L.M.

A xogadora do FSF Castro e internacional Antía Pérez (Laza, 2000) regresou como mundialista ás orixes, ao seu instituto de Verín no que xa compaxinaba os estudos co fútbol sala.

Pregunta. Que sentiu cando lle comunicaron que daría nome ao ximnasio do seu antigo instituto?

Respuesta. A verdade é que estou moi orgullosa de que se decidiran a facer iso e faime moi feliz. Creo que grazas a eles hoxe tamén son a persoa que son, porque me formaron en tódolos aspectos.

P. Que recordos ten deses anos?

R. Sempre me puxeron facilidades. Rosa, a profesora de galego, sempre me levaba despois a coller o autobús para poder ir adestrar. A verdade é que o Castro de Baronceli puxo o seu graniño de area en todo o que me formei e levo conseguido como deportista.

P. Síntese un exemplo e unha referencia? Sempre será das primeiras mundialistas.

R. Comezo a ser consciente de que empezo a ser referente para as nenas, e a verdade é que estou moi feliz de poder inculcarlles todo o que me inculcaron. Quero seguir traballando para poder seguir sendo referente para todas elas. E sobre todo para seguir medrando e mellorando, diso non me canso.

P. Leva xa tempo en Lugo. Ten morriña da súa vila e da comarca?

R. En Lugo debo dicir que síntome como en casa, a xente trátame moi ben, pero a morriña non se vai nunca. Por iso cada vez que podo escapo a Laza para estar coa miña xente.

P. Este ano puxo de novo o peliqueiro tras dez anos.

R. Non tiña pensado poñelo, pero fomos xantar o Domingo de Piñata porque xusto tiñamos libre. Pero de camiño a Laza o meu corpo xa empezou a pedirme que puxera o peliqueiro. Estaba bastante cansa do partido, non durei moito con el, pero púxoseme a pel de galiña segundo me ía vestindo, chorei... Foi incrible, sentín unhas emocións que non podo describir con palabras.

Contenido patrocinado

stats