Viana do Bolo licita o SAF tras tres anos en precario

AVANCES SERVIZOS SOCIAIS

O Concello aproba a licitación do Servizo de Axuda no Fogar tras máis de tres anos en precario e mellorará tamén o campo de fútbol das Carrelas.

Traballadoras e usuarios durante unha manifestación.
Traballadoras e usuarios durante unha manifestación. | La Región

Os socialistas de Viana do Bolo queren manifestar a súa “satisfacción” tras sacar adiante no último pleno extraordinario a apertura de licitación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Segundo explican, o servizo levaba en precario máis de tres anos, “e conseguimos en tan só tres semanas aprobar a súa licitación con toda a documentación preparada, cando o PP en tres anos, e contando nun deles con maioría absoluta e con orzamentos aprobados, foi incapaz de licitalo”.

Destacan ademais que “é unha gran nova que nos permite satisfacer antigas necesidades e demandas das traballadoras do servizo, pero tamén dos usuarios”.

Germán García-Ávila, voceiro da agrupación e actual rexedor da localidade, fai fincapé en que “ademais de satisfacer as demandas de traballadores e usuarios, tamén melloramos as condicións xerais e económicas do persoal do servizo de axuda no fogar”. Amósase “moi satisfeito coa aprobación que pon fin ás reclamacións do persoal e tranquiliza aos usuarios, que seguirán recibindo o servizo nas mellores condicións”.

Murias: “estamos contentas pola decisión, pero xa nos dixeron que ía saír a licitación en outubro do 2024”

Pola súa parte, Eliana Murias, delegada sindical das traballadoras do SAF, sinala que “estamos moi contentas por esta decisión, aínda que xa era hora”.A primeira vez que nos dixeron que ía saír a licitación foi en outubro do 2024, tivo que pasar un ano. Isto é o principio da solución para nós e para os usuarios, aínda que quedan meses por diante para que finalice este proceso”, sentencia.

Outro dos puntos aprobados no pleno, coa abstención do PP, foi a apertura de licitación para o contrato de instalación de herba artificial no campo de fútbol das Carrelas, que conta cunha achega económica de 450.000 euros por parte da Deputación e outros 50.000 do Concello. O voceiro socialista destaca que esta intervención “era importantísima, posto que o actual céspede de herba natural estaba impracticable, especialmente nos meses de inverno, e coa instalación do céspede artificial mellorarase notablemente as condicións do terreo de xogo, permitindo un maior e mellor uso e aproveitamento destas instalacións municipais”.

Contenido patrocinado

stats