A petanca desperta paixóns en Viana e Vilariño
Durante anos, a petanca estivo presente nos espazos de encontro das localidades da comarca, especialmente como actividade vinculada ao tempo libre e á vida social. Agora este deporte volve a Viana e Vilariño cun centear de afeccionados.
Volve a petanca. E volve para quedar. Décadas despois, este deporte recupera protagonismo na comarca de Conso-Frieiras. En Vilariño de Conso, as beiras do Cenza foron durante anos testemuñas dunha tradición moi arraigada nestas terras do Invernadoiro. As tardes de primavera e verán non se entendían sen as partidas e os encontros entre veciños. Unha afección que, aínda que foi perdendo presenza co paso dos anos, nunca chegou a desaparecer por completo.
Agora, a petanca esperta tamén en Viana do Bolo. A paixón por este deporte, recoñecido e regulamentado, volveu coller forza durante este verán coa creación dun novo clube de petanca que xa conta con máis de 70 afeccionados.
Durante anos, a petanca estivo presente nos espazos de encontro das localidades da comarca, especialmente como actividade vinculada ao tempo libre e á vida social. A recuperación desta práctica responde precisamente a ese interese por volver poñer en valor actividades tradicionais e adaptalas ás novas xeracións.
En Viana, ese regreso traduciuse ademais na creación dun espazo propio. O Campo da Feira conta xa con dúas novas pistas de petanca, unha infraestrutura habilitada polo Concello para a práctica deste deporte e que aspira a converterse nun novo punto de encontro para veciños e afeccionados.
A estrea destas instalacións estivo acompañada pola celebración do I Torneo de Petanca do Concello de Viana do Bolo, unha xornada que reuniu a numerosos participantes e que permitiu poñer en valor unha actividade con tradición no municipio.
A resposta foi un primeiro indicio do interese que esperta de novo a petanca: unha disciplina que combina actividade física, concentración e, sobre todo, relación social. Porque máis alá da competición, cada partida é tamén unha oportunidade para compartir tempo, conversar e reencontrarse.
Campeonato
Despois do impulso colleitado en Viana do Bolo, este deporte regresa a Vilariño de Conso. Será o vindeiro sábado 19 de setembro cando o municipio acolla un novo Torneo de Petanca do Concello de Vilariño de Conso, unha cita que dá continuidade a esa recuperación dunha modalidade que durante décadas formou parte dos momentos de lecer e encontro da veciñanza.
O torneo celebrarase no campo de petanca de Vilariño, a partir das 09,30 horas, baixo a modalidade por parellas. A inscrición ten un custe de 10 euros e poderá realizarse enviando unha mensaxe aos teléfonos 618 393 488 e 627 906 200.
A xornada pretende ser, máis alá da competición, un novo punto de encontro para os afeccionados e para todas aquelas persoas que queiran achegarse a coñecer este deporte.
A afección á petanca agora volve saír ás rúas desta comarca e pode atopar nos encontros e torneos un novo xeito de reunir a diferentes xeracións arredor dunha mesma tradición.
Unha volta ás raíces que mira tamén cara ao futuro. O xogo tradicional da petanca regresa á comarca, recupera espazo entre as novas xeracións e volve demostrar que, ás veces, as tradicións que parecen esquecidas só precisan un pequeno impulso para volver cobrar a vida que merecen. n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PATRIMONIO SINGULAR
Una ruta al Foxo de Lobo abrió el “Rebrota Silbina” en Viana
GASTRONOMÍA Y NATURALEZA
Programa y actividades de Rebrota Silvina
Lo último
Novena de Os Milagros
Un mar de luces iluminó el Santuario de Nosa Señora dos Milagros
HORARIOS CONFIRMADOS
El Our Fest escribe su quinto capítulo a golpe de guitarras