O Ramón da Merca, refuxio da etnografía

Entrevista

Ramón Rodríguez Conde non ten apelidos para os seus. Ten un lugar de orixe: A Merca, patria do seu universo creativo e orixe das súas inquedanzas. “O Ramón da Merca” é o Ramón do Mesón do Labrego, pero tamén o do festival da Cantiga Labrega, o do teatro e o dos libros.

  • Nome: Ramón Rodríguez Conde
  • Lugar de nacemento: A Merca (1945)
  • Profesión: Xubilado de Renfe
  • Aficións: Coleccionista de obxectos etnográficos e de patrimonio inmaterial

Sen saír da Merca, Ramón leva con el un mundo, o da cultura popular galega. Non só a través dos máis de 3.000 obxectos de profesións, labranza e costumes antergos que foi atesourando co paso dos anos, senón tamén a través da recolleita que realiza de todo ese patrimonio inmaterial que non debera perderse xamais.

Agora, pensando nalgún xeito de ensinarlle ó mundo esta colección de xoias etnográficas, xa está pensando tamén en festexar os 50 anos do festival da Cantiga Labrega, ese no que a censura estivo a punto de xulgalos no ano 75 e que reuniu na Merca ás grandes voces da canción galega durante décadas.

Coa súa nai no Mesón do Labrego.
Coa súa nai no Mesón do Labrego.

Coa súa nai no Mesón do Labrego.

Cal é a historia da colección?

A coleción empeceina alá polo ano 68 nunha taberniña típica que puxen aquí, nun local onde me xuntaba cos meus amigos, e decorábamola coas ferramentas que nos traían os veciños do pobo e algunhas que eu tiña. E a raíz deso, no ano 68, levo xuntando pezas, unhas que me regala a xente, outras que encontraba nos basureiros, e debo ter hoxe unhas 3.000 e pico, cerca de 4.000. Teño de tódalas clases, desde labranza, tódolos oficios... Incluso cousas máis modernas. Levo 50 ou 60 anos xuntando cousas. Pretendo que non se perda a nosa historia. A miña historia éche sinxela. De neno fun á escola aquí na Merca, fixen o primeiro de Bacharelato, pero xa non fixen o segundo. Suspendín Formación do Espíritu Nacional, non quixen ir ó Frente e ingresei en Renfe. Nunca ascendín nada. Fun o número dous da miña promoción, pero non ascendín nada, porque eu non quería vivir na cidade. resulta que na mili estaba con xente que tiña inquedanzas culturais e empecei a facer poesías moi sinxelas. En Ourense tiñamos un grupo co Manolo Catoira, Manolo Vidal, Emilio García Santos... Un grupo que se chamaba Crema. Publicamos un libro de poesía galega de vangarda, non nos coñecía ninguén. Viñen para A Merca e nas cuadras fixen un localciño que foi o primeiro Mesón do Labrego. Viñan os meus amigos e traíanme cousas para decoralo. Un traíame unha escopeta, outro unha sacha, outro unha fouce... e aí empezou a miña afición a coleccionar cousas.

Como foi medrando?

No ano 72 fixen a primeira exposición, no forno, coas poucas cousas que tiña. E a raíz diso fun indo por aí... Collía moitas cousas nos vertedeiros. Empecei a xuntar cousas e ahora non che esaxero pero debo ter de 3.000 pra arriba, xa teño de todo. E iso que me roubaron catro máquinas de coser e as planchas todas. Roubáronme un montón de cousas. Máquina de coser levaron a de miña nai, que tiña 300 anos.

Nunha obra de teatro nos anos 70.
Nunha obra de teatro nos anos 70.

Nunha obra de teatro nos anos 70.

E os máis especiais?

Todos porque a xeración que teñen agora 40 ou 50 anos xa non se acordan de case tódalas ferramentas que se utilizaban tanto na labranza como nos oficios. Teño casetas adicadas á labranza e outras a zapateiros, carpinteiros, xastres... E coleccións de todo tipo: farois, luces dende o farol de sebo ata a bombilla.

Tamén conserva a memoria inmaterial.

Púxenme a recopilar lendas, costumes, tradicións, cancións, historias de xentes de aquí... Sen pretensión de publicar, pero fago algunhas cousiñas para regalarlle á xente para que non se perda a memoria dos nosos antergos. Costumes, tradicións, lendas, a xerga dos músicos... Agora estou facendo un libriño que sacarei cando poida que se chama “A Merca e súas xentes” de tódolos personaxes importantes que houbo.

“Quero que non se perda a memoria dos nosos antergos. Costumes, tradicións, lendas, a xerga dos músicos…”
vida
vida

Co seu amigo Toloman (esquerda) e nunha das primeiras edicións do festival da Cantiga Labrega (dereita).

Organiza actividades culturais aquí na Merca. Cales foron as orixes?

No ano 70 creamos un grupo de teatro e a partir del xurdiu o Festival da Cantiga Labrega, que foi quizais o primeiro festival folk protesta que se fixo en Galicia e agora cumpre 50 anos. Aquela foi unha época moi bonita. Co grupo de teatro dos rapaces de aquí percorremos toda a provincia. Nos lapsus cantabamos e de aí xurdiu a idea de facer un festival da Cantiga Labrega. O primeiro ano eramos todos de aquí e 30 cancións das 90 que presentamos pasaron a censura. Despois empezaron a vir membros de Voces Ceibes e xente de Monforte que querían cantar. Foi un éxito e cada ano viña máis xente: o mago Antón, Rodrigo Romaní, Antón Seoane… Despois no ano 75 viñeron Bibiano e Benedicto, cantaron o famoso “Can de palleiro” e puxéronnos de fianza 25.000 pesetas pra non ir a Carabanchel.

E que ten pensado para o 50 aniversario da Cantiga Labrega?

Pois xuntar a todos os que poida daquela época, a todos os que estén vivos e facer un festival, unha homenaxe a aquelas xentes, a mesma exposición de pintura e escultura, unha feira do libro, unha mostra de artesanía… Quero facer un revival daquela festa.

Coa venia

1. Un libro.

Agora estou lendo “Suso Vaamonde, voz de ciclón” e “Arrebolándolle a lingua”, de Enrique Feijóo.

2. Un personaxe galego.

Castelao, aínda que coñecín a moitos.

3. Unha película.

Calquera de Buñuel.

4. Unha cantiga.

Calquera do folk galego.

5. Un recordo da infancia.

A escola do Santás.

6. Unha viaxe pendente.

Todas, pero diría percorrer o norte de Portugal.

7. Un lugar para perderse.

Calquera de Galicia.

8. Cando se mira ó espello ve…

Un vello que leva 60 anos intentando cambiar o país e non conseguiu nada.

9. Un obxecto.

Un lapis. Non teño ordenador nin teléfono móbil.

10. Perde a calma con…

Os ignorantes prepotentes.

11. Recobra a calma con…

Uns viños cos meus amigos, que teño moitos.

12. Un soño.

Que este paíse deixara de vivir no medievo e viñeran políticos novos que o arranxaran.

Contenido patrocinado

stats