Ritmo, convivencia e terapia en Vilanova

BATUCADA VILATUKE

A Batucada Vilatuke de Vilanova dos Infantes (Celanova) inicia o seu segundo curso académico consolidada como un referente social na contorna. O que comezou como unha iniciativa lúdica impulsada pola demanda veciñal, conta xa con máis de sesenta e cinco membros de tódalas idades, demostrando o poder do ritmo como elemento de unión e motivación.

Publicado: 03 oct 2025 - 20:27 Actualizado: 05 oct 2025 - 10:01

Ritmo, convivencia e terapia en Vilanova con Vilatuke | La Región

A Batucada Vilatuke de Vilanova dos Infantes non só está a encher de ritmo os recunchos da provincia de Ourense, senón que se estableceu como un motor social e terapéutico de gran importancia para os que a conforman. O que comezou como unha modesta iniciativa lúdica, xurdida da demanda veciñal na parroquia de Vilanova dos Infantes, no concello de Celanova, hoxe é un éxito rotundo que inicia o seu segundo curso con máis de sesenta e cinco persoas e demostra o inmenso poder do ritmo para unir, motivar e, en moitos casos, servir de terapia para moitos dos seus compoñentes.

A orixe de Vilatuke partiu do latexo da propia comunidade, tal e como explica o presidente da asocaición de veciños Gutier Menéndez, Antonio Sousa. “A xente demandou unha actividade cultural e de lecer inclusiva, e esta petición materializouse grazas á colaboración entre nós e a asociación xuvenil Adolfo Enríquez”. A filosofía fundacional da batucada é radicalmente inclusiva a través dos ritmos. “Non se require ningún coñecemento previo nin experiencia instrumental. A clave está unicamente na vontade de compartir o ritmo e a enerxía colectiva”.

Esta apertura total permitiu que Vilatuke sexa hoxe un espazo interxeracional único, onde conviven e tocan xuntos avós, pais e netos, compartindo o mesmo compás e forxando lazos que superan a barreira da idade. A resposta da comunidade foi moi positiva, superando con creces o mínimo inicial e consolidándose nunha cifra que garante a vitalidade e a continuidade do proxecto.

En Vilatuke conviven varias xeracións.
En Vilatuke conviven varias xeracións.

Proxección externa

Os comezos foron posibles grazas á colaboración institucional por parte da Deputación, o Concello e a parroquia de Vilanova dos Infantes. A partir de aí, o traballo constante de Vilatuke traduciuse nunha intensa actividade durante o seu primeiro verán. Tras a súa presentación oficial durante o Magosto da súa vila medieval do pasado ano, a batucada foi reclamada en numerosas festas da contorna, levando a súa enerxía e o seu ritmo contaxioso a un gran número de eventos.

Primeira actuación no magosto de Vilanova dos Infantes do pasado ano.
Primeira actuación no magosto de Vilanova dos Infantes do pasado ano.

O son dos seus tambores xa se escoitou en citas tan relevantes como o Folión Castrexo ou a Festa do Cristal, ademais de participar en eventos de concellos veciños como Barbadás ou as Comadres de Celanova. Esta proxección exterior é o mellor termómetro do seu recoñecemento, confirmando que o seu ritmo é un valor apreciado e solicitado fóra da súa parroquia de orixe. O equipo directivo, encabezado por Maite Estévez na xestora e co respaldo da asociación veciñal, traballa arreo para manter este nivel de actividade.

Hai futuro

A calidade de Vilatuke non reside unicamente na potencia do seu son, senón na solidez da súa estrutura humana. O director, Álex Rodríguez, un percusionista profesional con experiencia noutras formacións, non asó achega o coñecemento técnico indispensable, “senón que a súa calidade humana e a súa capacidade para empatizar e motivar foron determinantes para xestionar un grupo tan diverso e numeroso”. A súa implicación persoal, “renunciando en ocasións a actuacións propias para dedicarse ós ensaios de Vilatuke, é un exemplo do compromiso” que contribúe a garantir o futuro deste proxecto.

Ademais, pensando nese mesmo futuro e na renovación xeracional, Vilatuke xa ten en marcha unha sección de percusión para os máis pequenos. Esta “pequena escola” para menores de seis anos xa conta cunha ducia de nenos, asegurando que a filosofía da batucada e a súa enerxía perduren e asegurando así o relevo dende a base máis temperá.

Máis ca música

Este curso estrean unha sección infantil.
Este curso estrean unha sección infantil.

O aspecto que máis emocionou e sorprendeu aos promotores é o “profundo efecto terapéutico e social que a batucada exerce sobre os seus membros”, explica Antonio Sousa. Os ensaios transformáronse nun auténtico catalizador social, onde os participantes, que ata entón tiñan unha convivencia veciñal, “agora forman unha gran familia”. Os encontros non se limitan á práctica musical, senón que se estenden á convivencia e a outras reunións, fortalecendo os lazos de amizade e camaradería.

Para moitos integrantes, a experiencia de tocar nun grupo tan movido e vibrante é unha auténtica “válvula de escape da rutina, o estrés e as preocupacións cotiás”. O ritmo é unha descarga de adrenalina e un “refuxio de evasión” que lles permite desconectar por completo dos problemas. As propias compoñentes de Vilatuke atestan o seu poder, describíndoo como unha “terapia total” que xera unha profunda sensación de alegría, enerxía e liberdade. Tocar é un antídoto contra a depresión para algúns, unha forma de sentirse vivo e en plenitude. Vilatuke demostra, así, que en Vilanova dos Infantes o ritmo non só se toca, senón que se converte nunha ferramenta esencial para a saúde emocional e a cohesión social. O grupo está xa nun punto de técnica que lles permitirá participar agora en encontros máis amplos de “batuqueiros”, confirmando que o seu ritmo é un fenómeno social.

Así, coa súa consolidación como motor social e terapéutico, xa están na busca de novos horizontes para seguir potenciando o seu impacto na comunidade. Deste xeito, convértese en exemplo vibrante do potencial da iniciativa comunitaria cando se canaliza a través da arte. Máis que unha formación musical, Vilatuke consolidouse como motor de cohesión e terapia colectiva interxeracional, demostrando que o ritmo funciona como un antídoto eficaz contra o estrés e a rutina. O seu éxito, palpable tanto na súa numerosa participación interna como na súa crecente proxección externa, sumado á creación da sección infantil, garante que a filosofía inclusiva e enerxética da batucada quere seguir resoando.

Contenido patrocinado

stats