Mati, unha fotógrafa precursora: “Había xente que te admiraba por ser muller nun oficio de homes”

DENDE O ANO 70

Matilde Gándara é unha veciña de San Pedro de Laroá, no concello de Xinzo de Limia, que hoxe por hoxe se dedica a facer gran variedade de produtos artesanais ademais de recompilar antigüidades dos oficios tradicionais no rural.

Matilde Gándara coas súas fotos do mundo do liño.
Matilde Gándara coas súas fotos do mundo do liño.

Mati, como lle chaman os veciños, foi unha das primeiras fotógrafas de Galicia e pode que a primeira da provincia de Ourense. Comezou no ano 70, por “casualidade e necesidade”, segundo comenta, xa que o fotógrafo era o seu marido.

Ela tivo que coller as rendas do estudo que se atopaba na rúa Dous de Maio de Xinzo, xa que o seu marido decidiu volver a Suíza, e pola súa conta comezou a entrar ó mundo da fotografía. “Custoume moito porque eu nunca vira unha cámara, non tiña nin idea”, explicou Mati. “A min a fotografía sempre me gustou moitísimo, e había que ganarse a vida e outra cousa non había”, comenta, pola necesidade de recuperar os cartos invertidos no material para montar o estudo.

“Daquelas había moi poucos fotógrafos, e mulleres, menos”. Cando recorda como foi comezar nun traballo que “tradicionalmente fixo o home”, segundo comenta, viviuno “moi satisfactoriamente”, malia que “pasei moitas cousas ás que nos temos que enfrontar as mulleres desgraciadamente”. “Moita xente queríache facer burla, pero outra moita admirábate por ser unha muller nova nun oficio de homes”, dixo Mati, que por aquela data tería preto de 40 anos.

“Tiven moito traballo porque á xente gustáballe o que facía, malia que a min sempre me gustaba máis o dos outros co meu”, comentou Mati entre risas, ó acordarse dos “intentos que eu facía por sacar cousas novas”. “Eu aprendín pola miña conta, fixándome no que facían os demais”.

O museo que Mati ten na súa casa.
O museo que Mati ten na súa casa.

Mati conta que foi unha das primeiras mulleres da Limia en quitar o carné de conducir, e recorreu toda a comarca e fóra dela para realizar as súas reportaxes fotográficas, que hoxe en día garda no seu museo particular, e nas que saen moitos veciños e veciñas da Limia nos seus días máis especiais.

“Desde que me xubilei pousei a cámara e non a collín máis”, explica Mati, malia que conta que a súa filla e a súa neta herdaron o gusto pola fotografía, “todo lles sirve, a calquera cousa que atopan lle tiran unha foto”.

Ó xubilarse, Mati foise vivir a San Pedro, e comezou o seu traballo de recompilación, aínda que lamenta ter comezado “moi tarde”. “A min gústame moito a artesanía e as cousas antigas, dende pequena”, comenta, “a min gústame facer de todo, de todos os oficios, gústame de todo”.

No seu museo, Mati non só ten as súas reportaxes fotográficas, senón que garda as cámaras antigas, e a súa artesanía, que vai dende sabas de liño, distintos tipos de sombreiros, cadros e Pantallas. Unha das cousas que máis destaca é que ten “todo o proceso do liño”, dende un tear, malia que incompleto, ata todas as antigas ferramentas e utensilios para tratar o liño dende a recollida ata a madeixa.

Contenido patrocinado

stats