PATRIMONIO

Baños de Molgas reivindica as súas riquezas turísticas

<p></p>
photo_camera Un momento do roteiro que se desenvolveu por Santa Eufemia de Ambía

Promoveu un roteiro arredor do patrimonio de Santa Eufemia de Ambía

A localidade de Santa Eufemia de Ambía, en Baños de Molgas, foi escenario onte dunha xornada reivindicativa das riquezas turísticas que atesoura o Concello arredor do seu patrimonio cultural, natural e paisaxístico. Medio cento de persoas xuntábanse ás dez da mañá diante da capela de Santa Eufemia, do século IX, para participar nun roteiro, que se iniciaba diante da capela, no que se puxo de manifesto un estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre igrexas altomediaveis, no que se analizou a estratificación das pedras, comprobando que hai unha parte da contrucción moito máis antiga que o resto. Logo o roteiro continuou pola Fonte das Ninfas, que tamén está vencellada coa iglexa.

Moitos dos participantes no roteiro eran veciños de Santa Eufemia, que explicaron a súa experiencia de vivir preto dun monumento destas características, xa que son eles os que cuidan do templo e o abren aos visitantes. Tralo roteiro, que se desenvolveu nunha fermosa mañá de sol, tiña lugar unha charla, dirixida polos membros do grupo Xeitura Xestión Integral do Patrimonio Cultural de Allariz, Martiño Vázquez e Begoña Garrido. Nela análizaronse varios proxectos, comezando pola conexión de Baños de Molgas con Santa Eufemia de Ambía. Outra proxecto aborda a conexión, a través do río Arnoia, de Maceda, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía e Allariz. Tamén se debatíu sobre a inclusión de Santa Eufemia dentro da ruta do prerrománico de Ourense e do norte da Península.

O alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglexias, amosaba a súa satisfacción polo éxito da xornada e pola participación na mesma, pois o obxectivo era impulsar o programa de dinamización turística que está a poñer en marcha o Concello, en colaboración con outras institucións, como o Inorde, e facer partícipes aos veciños do potencial que representa.

Te puede interesar