Presidenta da Academia Galega do Audiovisual

María Bouzas: ‘Vivimos nun país no que a cultura parece materia prescindible nos tempos de crise’

María Bouzas. (Foto: Archivo)
Cando con 21 anos ingresou na Escola Superior de Arte Dramática de Madrid sabía o que facía. María Bouzas (Mugardos, 1962) non imaxina dedicarse a outra cousa. Ser actriz é, para ela, unha forma de vida e o mellor xeito para relacionarse co mundo. Comezou no teatro co Centro Dramático Galego, antes de fundar a Compañía das Marías canda a súa amiga María Pujalte.
Despois dos inicios teatrais, María Bouzas non tardou moito en probar na televisión, participando en series de éxito como Pratos Combinados ou Terra de Miranda, pola que recibiu varios premios. O seu currículum no cine tamén é amplo; nas últimas longametraxes deulle vida a mulleres que seducen ó espectador (Heroína, Una mujer invisible e Abrígate).

Leva tres anos como presidenta da Academia Galega do Audiovisual, a única de España que aglutina a todos os profesionais de cine, televisión, publicidade e multimedia. María Bouzas remata o seu mandato a finais de maio e non se vai presentar á reelección para facilitar a renovación e favorecer a entrada de savia nova. As poucas semanas que lle quedan á fronte da Academia non lle deixan moito tempo libre; estes días anda ocupada na organización dos Premios Mestre Mateo, que na súa sétima edición estarán precedidos da Semana do Audiovisual Galego e os Encontros con profesionais da producción cinematográfica.

Quédalle pouco máis dun mes para abandonar a presidencia da Academia, ¿por qué o deixa?

O 29 de maio temos elección porque xa se cumpren os tres anos de mandato da actual xunta directiva. Eu non me volvo presentar porque penso que é moi san a renovación, que se incorporen outras propostas e chegue savia nova á Academia Galega do Audiovisual.

¿Qué foi o más destacado da súa etapa como presidenta e cales son as cousas que quedan pendentes?

Intentamos poñer en marcha moitas iniciativas como as que se desenvolven antes da gala dos premios Mestre Mateo: a Semana do Audiovisual Galego e os Encontros cos profesionais da producción cinematográfica en diferentes centros de formación. As accións que desenvolvemos nos últimos anos tiveron como principal obxectivo facernos máis visibles e conectar cos diferentes axentes do sector. A min, persoalmente, serviume para coñecer algo máis a fondo esteoficio e os diferentes profesionais que traballan aquí. ¿Algo pendente? Quixeramos ter conseguido máis académicos. Subimos ata os 260, pero a meta que nos fixaramos eran os trescentos.

Agora poderá dedicarse en exclusiva ós seus proxectos persoais. ¿En qué anda traballando?

Iniciamos a rodaxe de Retornos, unha longametraxe de Vaca Films dirixida por Luis Avilés e protagonizada por Xavier Estévez; o meu marido na película é Emilio Gutiérrez Caba. É unha historia policíaca de intriga, que se vai rodar en diferentes localizacións da provincia da Coruña: a ponte medieval de Pontenafonso (que une os concellos de Outes e Noia), Arteixo e Caión. Esta longametraxe chega xusto despois e pechar os últimos bolos o teatro con Unha primavera para Aldara.

Pasou moito tempo desde que fundou a Compañía das Marías xunto coa súa amiga María Pujalte. ¿Cambiaron moito as cousas no panorama teatral?

Cambiaron, pero queda moi to desa época. Aprendín máis coa compañía que nos tres anos na Escola Superior de Arte Dramático de Madrid. Algún día retomaremos ese proxecto e volveremos traballar xuntas. Cando teñamos alá polos setenta anos deixaremos de estar tan liadas e poderemos sacar adiante un proxecto pendente: con María gustaríame facer Arsénico por compaixón.

Agora que fala de idade. ¿É certo que hai poucos guións para mulleres que pasan dos corenta?

Eu teño 47, non agocho a miña idade, e teño comprobado que hai máis dificultades para atopar guións nesta franxa de idade. Semella que as actrices só podemos ser noivas ou avoas. En Una mujer invisible, de Gerardo Herrero, interpretaba a Luisa, unha muller de corenta e tantos que se dá conta que é invisible para os homes. Esa invisibilidade tamén se pode trasladar ó noso oficio, é unha franxa de idade infravalorada. Espero que no futuro haxa máis mulleres dirixindo e facendo guións con protagonistas de 45 a 60 anos.

A crise dos corenta parece que lles afecta. ¿E a crise económica? ¿Os actores están afeitos a convivir cunha crise constante?

Estamos afeitos, pero a crise económica afecta. Notámolo ben. Vivimos nun país no que a cultura parece prescindible. Iso e un erro, a Administración non pode aplicar recortes nos orzamentos destinados á cultura; nótano ben as compañías de teatro e outros axentes deste sector.

Esa crise non lle afecta ós premios Mestre Mateo. Este ano preséntanse 148 obras audiovisuais e 465 profesionais, 165 máis ca o ano pasado.

O certo é que o número de inscricións non deixa de medrar, case ó mesmo ritmo que o prestixio destes galardóns. Son uns premios importantes porque supoñen o recoñecemento dos propios compañeiros nas diferentes categorías. A mellor proba da importancia destes galardóns atopámola cando os premiados soben a recoller a estatuiña e agradecen a concesión.

O dos agradecementos esta fóra do guión. O director da gala, Jorge Coira, e o guionista, Carlos Portela, van telo complicado para darlle axilidade.

Iso é que din. Hai que entregar 28 premios e un de honra; e todos queremos que sexa áxil, algo conseguimos nas últimas edicións. Coira e Portela comprométense a buscar a mellor fórmula, pero o dos agradecementos está complicado. Son dúas persoas con ampla experiencia televisiva e confiamos plenamente no seu traballo, no que haberá un espazo preferente para a música e o humor. Contarán coa colaboración de Pistacatro e Lamatumbá nun evento que terá a Sergio Zearreta como mestre de ceremonias; Morris e Manquiña, os condutores das anteriores galas, farán o traspaso de poderes. Haberá interacción co público e moitas caras coñecidas (Manuel Lourenzo, Isabel Blanco, Mela Casal, Jessica Figueroa) xa confirmaron a súa participación.

Queren que sexa a gala máis televisiva.

Televisión de Galicia vai emitila por primeira vez en directo e en prime time. Isto para os académicos é moi importante porque supón un recoñecemento para todos os profesionais. Os Mestre Mateo son un referente e serven para dar a coñecer o traballo de xente pouco coñecida. As series de televisión e a publicidade gozan do recoñecemento do público xeral, pero no audiovisual traballa moita máis xente. Falta camiño por percorrer, pero nesta sétima edición xa chegamos a un nivel aceptable.


Te puede interesar