LA REGIÓN REGALA MAÑÁ, DOMINGO, COA COMPRA DO PERIÓDICO, A ÚLTIMA DAS LÁMINAS QUE REPRODUCEN OBRAS DE GRANDES ARTISTAS OURENSÁNS. SERÁ 'BARCAS ABANDOADAS' DE MANUEL PREGO DE OLIVER.

Prego, a pincelada emocionada

Manuel Prego de Oliver (Ourense 1915-1986) foi un dos primeiros pintores profesionais saídos da vella Auria; pintor por casualidade, a súa primeira profesión foi a docencia en San Mamede de Urros (Allariz), profesión á que chegou axudado por Vicente Risco. Depurado como mestre tralo franquismo, despois de vivir uns momentos ben dramáticos na pel da súa familia política co fusilamento da nai e dous irmáns da súa dona, logrou saír adiante grazas a axuda dos pinceis.
Prego, a pincelada emocionada
Prego de Oliver foi un pintor de temática curta e creacións seriadas, bodegóns, mariñas, paisaxes, mendigos, campesiñas, retratos, e pouco máis, que por outra banda era o habitual na comunidade artística xurdida da posguerra. Formou parte dunha xeración de pintores moi ligados á terra onde pululaban unha serie de personaxes prototípicos do barroco que tamén tiveron protagonismo en artistas como Laxeiro, Arturo Baltar, Maside, Colmeiro, Castelao... Moi influenciado polo impresionismo de Cézanne, Gauguin, pola desmembración cromática de Rembrandt, pola emoción contida de Friedrich. Como ilustrador, fixo innumerables traballos na prensa escrita, entre os que destacan os realizados en La Región e no ABC.


FASCINANTE EMPREGO DA COR

O discurso de Prego é tan eficaz como sumamente máxico, con momentos que resultan dunha beleza turbadora, grazas ao fascinante emprego da cor que consegue que fuxamos do estrictamente narrado. Pintura de raíz expresionista con importantes doses de misterio que el sabe conseguir gracias a un interesante dominio subxectivo do trazo e a unha sutil aplicación da materia e a cor, que fai que a mensaxe que transmita sexa moi eficaz. Dotado para o debuxo persegue en cada obxecto esa emoción escondida, esa cara oculta que logra que en escenas aparentemente insignificantes, léase a dos mendigos, labregos e certas imaxes da paisaxe, esquezámonos dunha suposta carga ética e que a nosa dirección apunte cara argumentos máis etéreos, centrándonos no que son as calidades mátericas, na composición, na textura e, por suposto, nunha beleza turbadora dun mundo que pode ser e non ser ao mesmo tempo, pero que baixo o seu fraseo semella verosímil.

Toda a obra de Prego é unha exaltación gozosa da vida, o encanto das pequenas cousas, desa pátina que lle sobrevive co paso do tempo aos obxectos e que, asumen como propio. En moitas ocasións a obra do pintor se traduce nunha mensaxe de corte simbólica que dende o punto de vista plástico resulta eficaz; noutras escenas deixa atrás aspectos máis lúdicos por outros de corte máis existencial, como quen desexa iluminar o camiño, camiñar en pro da verdade, que impregna a atmosfera intelixente e sensíbel da súa pintura.

'Barcas abandonadas'pertence a unha época tardía dun pintor que traballou con entusiasmo até os últimos momentos. É unha obra moi significativa, na que a través desa característica pincelada estendida, en liña trementes, de efecto vibrante e ánimo colorista, desvélanos un potente claroscuro e unha ampla gama de cores terrosas que fan que a escena, marcada pola bruma, teña reminiscencias oníricas. Estamos sen dúbida ante unha pintura emocional, máxica, dun dos nosos grandes autores, un pintor que traballou duro para sacar coa pintura a súa ampla prole nuns tempos sempre difíciles e eso que o seu traballo gozou do sentir e gusto da época. Prego é hoxe un pintor recoñecido e respectado, do que botamos en falta un espazo propio que mostre o seu traballo, que sen lugar a dúbidas forma parte da idiosincrasia desta cidade.